EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

Xavier Castro: “O tostado é un dos mellores viños de Europa e ten unhas expectativas de mercado extraordinarias”

Este escritor visita a D.O. Valdeorras para recabar documentación sobre este viño de cara a facer unha nova edición ampliada do seu ensaio histórico "Tostado. El vino noble de Galicia"

 

“Por que non regalar unha botella de tostado e un libro para celebrar o Día das Letras Galegas?”. A proposta lanzábaa Xavier Castro, escritor e catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago, esta mañá en Valdeorras, onde está a documentarse sobre a historia e tradición deste viño doce, que considera un dos mellores de Europa. “Sería unha boa maneira de expresar que hai moita cultura detrás deste viño, tanta como nun libro. Ademais é o produto máis xenuíno do país, dende a Idade Media faise viño tostado en Galicia. Hai moi poucos produtos que teñan esta raíz tradicional, sendo ademais un produto absolutamente posmoderno que impacta co padal, cos desexos degustativos e cos criterios enolóxicos actuais”.

Castro, autor do libro “Tostado. El vino noble de Galicia” (Acuarela Comunicación, 2020)  iniciaba o 23 de marzo unha viaxe por Valdeorras, da man do seu consello regulador, para seguir afondando no pasado e na evolución deste viño na zona. “Soubemos deste libro, interesámonos por el e ao lelo vimos que a parte de Valdeorras estaba un pouco incompleta, por iso decidimos convidar a Xavier e darlle a coñecer todo o que se tiña feito aquí no pasado, así como as experiencias do Consello Regulador e o traballo actual das dúas adegas que o elaboran (Santa Marta e Pago de Capellanes)”, indicaba o presidente do CRDO Valdeorras, José Luis García Pando.

 

O presidente do CRDO Valdeorras, José Luis García, xunto ao escritor Xavier Castro.

 

En “Tostado. El vino noble de Galicia” abórdanse ao longo de 10 capítulos cuestións como a evolución histórica desta elaboración (con momentos de auxe, decadencia e “modesta recuperación”), o cultivo de nobres variedades, o seu proceso de “ardua e complexa elaboración”, a súa comercialización, as caracteríticas deste viño e o seu consumo reservado a eventos ou momentos especiais, así como os seus usos, ritos e funcións ou o seu lugar na cociña.

Tamén se fai mención á anxélica, “neta da treixadura”, e a outros “licores que confortan a alma”. “No meu libro falo de toda Galicia porque o tostado facíase na Ribeira Sacra, no Rosal, en zonas de Pontevedra, pero en particular na comarca do Ribeiro, que é onde un tiven a primeira noticia da súa importancia, e tamén souben que en Valdeorras había unha longa historia e incluso algún premio importante”, comenta o escritor.

 

Portada do libro sobre o tostado de Xavier Castro.

 

Castro prepara agora nunha edición ampliada deste ensaio histórico, na que incorporará novos datos sobre Valdeorras, logo dunha serie de visitas a adegueiros e colleiteiros que fan tostado, “persoas que de xeración en xeración, dende hai séculos, levan facendo esta marabilla, e que ofrecen ademais degustalo xenerosamente e contarnos a súa historia de vida enolóxica, que é tan interesante recoller”.

Este investigador incide en que o tostado constitúe un auténtico tesouro para Galicia. “Estamos a falar probablemente do produto natural e cultural máis importante de Valdeorras e de Galicia. É único, é un dos mellores viños de Europa. Conseguir un produto gourmet tan excelso non é algo do que poida presumir calquera, isto é un tesouro auténtico que se produce en Valdeorras. O tesouro que mestura natureza e cultura máis logrado que fixemos os galegos”.

 

 

Así memo Castro destacaba o interese comercial e o interesante valor de futuro deste viño naturalmente doce. “A asignatura pendente é ampliar a produción de tostado mantendo a calidade, e lograr chegar a un segmento de mercado de alta capacidade adquisitiva e de certo nivel cultural, que saiba a relevancia que ten este viño”.

Nese senso, plantexaba a necesidade dunha estratexia de colaboración entre o propio sector e as administracións para potenciar e dar a coñecer este produto, implicando ademais aos consumidores. “Os galegos temos o problema de non saber apreciar e divulgar o mellor que temos. Producimos un extraordinario viño pero non fomos quen de manifestalo, de expresalo, de concienciar á xente e ao mercado deste produto”, resaltaba, indicando tamén que pode converterse nun elemento enoturístico, “hai que vir a probar o tostado onde se fai, esta é a patria do tesouro, Valdeorras”.

Texto: A.R.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button