En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A xeada devasta os viñedos ourensáns

Aínda non hai cifras exactas pero as xeadas caídas nos dous últimos días tiveron consecuencias moi graves nos viñedos das denominacións de orixe Valdeorras, Monterrei, Ribeira Sacra e Ribeiro.

No caso de Valdeorras resultaron especialmente danados os viñedos do val da Rúa, dalgunhas partes de Vilamartín e de zonas de Larouco como Portela e Seadur. Algúns dos viticultores perderon toda ou a meirande parte da colleita, coas serias perdas económicas que isto supón. Ante isto o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Francisco García, convocou un pleno extraordinario para o martes 2 de maio, cuxo obxectivo é consensuar a adopción de medidas que axuden a paliar os danos ocasionados pola xeada na colleita do territorio amparado.

“Dentro dunha semana teremos unha estimación completa dos danos, tanto de superficie total afectada como de número de viticultores que poden ver mermada a súa produción pola xeada”, destacaba o presidente, que tamén adiantaba que “se solicitarán axudas públicas para os afectados”.

No referente a Monterrei, as primeiras estimacións realizadas polo seu consello regulador revelan “danos en parcelas tanto do val como de ladeira e en todas as variedades de uva” e as xeadas afectaron a todos os municipios da denominación. “Nunca se ten producido un accidente meteorolóxico de tal magnitude”, di o seu consello regulador, que teme o perxuizo que causará a curto e medio prazo no sector. Ademais o pleno do CRDO Monterrei acordaba pedir á Xunta de Galicia a declaración de zona catastrófica.

Por outra banda, os viticultores da comarca de Caldelas mantiñan unha reunión co presidente do CRDO Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, no Concello de Castro Caldelas na tarde do 28 de abril co fin de solicitar ás administracións a declaración de zona catastrófica. Tamén está convocado un pleno urxente do Concello polos efectos da xeada para o mércores 3 de maio.

Na galería de fotos as primeiras corresponden á D.O. Valdeorras (as tres primeiras están tomadas na chaira da Rúa, as números 4, 5, 6 e 7 son de zonas de Larouco, entre elas a de Seadur), a foto número 8 é da D.O. Monterrei e as últimas da zona de Caldelas.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button