ColaboraciónsCulturaCulturaEntroido 2020OpiniónÚltima hora

Xentes de teatro, teatro de xentes

Artigo de Felipe Castro López, veciño de Salcedo (A Pobra do Brollón)

Unha das representacións teatrais do Entroido de Salcedo./ Foto: Carlos G. Hervella.

Aínda que poida parecer o contrario, isto que aquí vos relato non pretende formar parte dun refraneiro, nin tampouco vai tratar sobre un trabalinguas, senón que simplemente vai de mulleres e homes aos cales non lles poñerei nome xa que a lista sería interminable e podería esquecerme de alguén. Todos eles con diferentes caracteres e capacidades variadas que tiveron e teñen algo moi importante en común, todos eles ser fillos de Salcedo.

Moitos non teñen xa a sorte de estar entre nós, ou máis ben non temos nós a sorte de telos aquí. Outros moitos seguen participando dun xeito ou doutro da vida laboral, social, cultural ou festiva do pobo, ben permanentemente ou ben en diferentes momentos do ano.

Todas estas persoas das que trato de falar foron e son, coma di o título do artigo, nuns casos xentes de teatro e noutros casos teatro de xentes, ou ben ambas a vez e explícome: digo que algúns foron xentes de teatro porque aquelas mulleres e homes dende que se incorporaron ao teatro, ben nos seus inicios alá polo ano 1956 ou en calquera outro momento até o día de hoxe, pasaron a formar parte da vida do noso teatro, de igual xeito que eles pasaron a formar parte das nosas vidas. Todos foron capaces de adoptar mil caras, as mesmas que ten a vida, cando menos a nosa vida, e foron tamén quenes de facernos rir a esgalla, tal como manda o Señor Entroido aínda que, ás veces, tiveramos máis ganas de chorar.

Estas mulleres e homes, por uns cantos meses, investiron o seu tempo libre e mesmo o de traballar para se xuntaren e levar adiante a súa faceta interpretativa e así pasar longas e frías noites preparando os seus papeis, para que nada nin ninguén fallase á hora de representalos. Por isto, creo persoalmente que temos moito que lles agradecer e ocórrenseme uns cantos motivos, aínda que vou a destacar tres: en primeiro lugar porque o seu principal propósito era e segue sendo o de facernos pasar un bo rato; en segundo lugar porque nos demostra que, ás veces e para segundo que cousas, as persoas temos certa capacidade de compromiso e entrega e, nisto como noutras cousas, as xentes de Salcedo téñeno demostrado reiteradamente; e por último, porque todos eles conseguiron que Salcedo, grazas a esta actividade xunto con outras moitas, se convertira nun pobo coñecido e respectado en toda a comarca e alén.

Por outro lado refírome a algunhas persoas coma teatro de xentes porque sen necesidade de interpretar nada, a non ser a si mesmos, nin de subirse a ningún escenario, foron capaces de encher as nosas vidas de momentos entrañables e imborrables, dándolle un sentido á vida en colectividade que podemos dar practicamente por perdido e demostrando, unha vez máis, que Salcedo ten algo especial, sendo capaz de nos dar mulleres e homes creativos, curiosos, simpáticos, comprometidos e, o que é máis importante, de Salcedo. Tamén aqueles que son ou o foron en adopción.

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close