ConcellosEn portadaÚltima hora

Xesto solidario para veciños e persoal de extinción dos lumes de Valdeorras en forma de bocadillos e bebidas

A Asociación Corazones Unidos do Bierzo repartía nestes días comida, auga e bebidas isotónicas en Viloira (O Barco) e Quereño (Rubiá)

 

Nestes días tan duros que está a vivir Valdeorras polos incendios forestais tamén se están vendo xestos solidarios e de apoio tanto á veciñanza afectada como ás persoas que están a traballar no operativo de extinción do incendio forestal.

É o caso da iniciativa de Corazones Unidos Bierzo, unha asociación que estivo repartindo bocadillos, auga e bebidas entre veciños e persoal de extinción en lugares afectados polo lume. Antonte facíano en Viloira (O Barco) e onte achegábanse ata Quereño (Rubiá), que na pasada tarde volvía vivir momentos moi complicados ante a proximidade do lume a algunhas casas.

“Somos de Ponferrada, comezamos por un grupo de facebook e logo, hai ano e medio, creamos a asociación e cando se dan situacións de emerxencia facemos recollidas e entregas de roupa, de alimentos, de todo o que a xente doa. Fixémolo durante a guerra de Ucraína e neste caso pola situación que se está a vivir polos incendios forestais na comarca de Valdeorras”, explican as responsables da asociación, Belén e Patry.

 

 

Dende a asociación organizan campañas de recollida de pan, fiambre, auga, bebidas isotónicas…, que agora se están facendo entre as 15h. e as 19h. “Nós encargámonos de procesar a comida, de facer bocadillos, por exemplo agora, e de repartilos onde fai falta, onte estivemos en Quereño con 120 bocadillos e un montón de auga e de bebida para veciños e para todos aqueles que participan nos labores para apagar o lume”, comentan as dúas representantes da asociación.

Se ben a asociación ten a súa sede en Ponferrada (León), móvense por diferentes zonas en función das necesidades que detectan. “Onde fai falta, alí imos. Seguirémonos movendo por Valdeorras e por onde haxa máis lume, onde máis efectivos haxa, onde máis falta faga”, explican estas mozas.

A Asociación Corazones Unidos Bierzo ten unha páxina de facebook,  través da cal se pode contactar coa entidade no caso de que haxa persoas ou entidades interesadas en facer doazóns.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button