Coas entradas esgotadas dende varios días antes, o grupo de pandereteiras ourensás Xestreu presentaba en concerto o seu novo disco “Non me toques á saia!” na noite do sábado 11 de marzo na Casa da Cultura da Valenzá. Este traballo musical, que dá nome tamén a unha campaña paralela en favor da igualdade e en contra da discriminación, abusos e agresións contra as mulleres; era acollido con entusiasmo polo público.
O repetorio estivo integrado por pezas de música tradicional galega, pero tamén doutras latitudes “porque a música e a cultura non saben de fronteiras”, apuntaba Celia Garrido durante o concerto.
Ese alegato a favor da igualdade planeaba ao longo do concerto, no que as pandereteiras estiveron acompañadas por varios músicos. Ademais a concelleira de Igualdade en Barbadás, Ánxela González, clamaba polo fin da violencia contra as mulleres e pola igualdade de oportunidades. Nesa mesma idea incidían despois Nila Caballero, Ana Quintas, Nina Liceras, Celia Garrido e Sabela Dacal, as cinco compoñentes de Xestreu naas diferentes intervencións nas que anunciaban as cancións a interpretar.
A campaña e o disco están complementados por unhas camisetas que levan rotulado o título deste traballo como lema. Xestreu puxo á venda tanto o CD como as camisetas no propio recinto, con gran aceptación por parte dos asistentes. O grupo está moi satisfeito coa receptividade acadada. A venda de camisetas e discos vai ir destinada á financiación dos custos de gravación e mais para o apoio da campaña posta en marcha en favor dos dereitos das mulleres.
Este exitoso concerto de presentación do disco vén de levar a Xestreu a anunciar unha nova actuación en Ourense.