PolíticaÚltima hora

Xesús Vázquez, elixido presidente do PP local de Ourense

A súa candidatura lograba o 94,34 % dos votos emitidos polos 217 compromisarios asistentes ao congreso local deste partido

O auditorio do Conservatorio de Música ourensán acollía na mañá do 16 de abril o congreso local do PP de Ourense. No seu decurso resultaba elixido como novo presidente deste partido na cidade Xesús Vázquez. A súa candidatura conseguía o 94,34% dos votos emitidos polos 217 compromisarios que participaron na votación.

Xa como presidente do PP na cidade de Ourense, Vázquez manifestaba ser plenamente consciente de que deberá gañarse a
proximidade e credibilidade da cidadanía, un reto no que asumiu a responsabilidade de dirixir pero como un militante máis. Tamén aseguraba que se acabaron “os tempos do personalismo, do líder único responsable de erros ou acertos, do liderado indulxente, da distancia e o desapego á cidadanía e á organización”.

Asemade definía esta nova etapa como “un proxecto de corresponsabilidade, responsabilidade individual que asumo e
responsabilidade colectiva que vos delego”. Un esforzo común, incidía, que conta co respaldo dun partido ao que tamén ten que chegar a renovación, con espazos de debate, organizado e moderno e onde “non necesitamos unidade de pensamento, senón unidade de acción”.

No acto de clausura interviñan tamén o o secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, e o presidente do PP provincial, Manuel Baltar. Rueda aseguraba que “hoxe empeza unha historia nova no PP na cidade de Ourense e hoxe un magnífico alcalde se reforza cun montón de xente que o vai apoiar desde o partido”. Pola súa banda, Baltar aludía á actividade e dinamismo do PP ourensán, “que nos últimos dous anos celebrou 73 congresos e o próximo sábado aínda celebrará o de Novas Xeracións e logo outros seis congresos locais máis”. Asemade resaltou que o congreso local do PP de Ourense “é o primeiro congreso do PP nunha cidade en España no 2016”.

Artigos relacionados

Back to top button