OurenseÚltima hora

Xesús Vázquez, novo alcalde de Ourense

A súa candidatura a alcaldía saía adiante cos dez votos dos concelleiros do PP, a lista máis votada

“As miñas primeiras palabras teñen que ser de gratitude, de inmensa gratitude por poder asumir o reto e a gran responsabilidade de ser o alcalde de tódolos veciños e veciñas de Ourense. Gratitude, en primeiro lugar, aos que votaron o día 24 de maio a candidatura que encabecei, gratitude tamén aos meus compañeiros de Corporación que hoxe me reiteraron ese apoio e gratitude a todos os que confían na miña persoa para liderar a construción dun Ourense renovado”. Deste xeito comezaba o seu discurso como novo alcalde de Ourense, o popular Xesús Vázquez na sesión plenaria na mañá do 13 de xuño. Lograba ser investido como rexidor co apoio dos seus dez concelleiros nunha votación no que o resto das forzas políticas con representación na Corporación ourensá votaban ao seus propios candidatos. Así o resultado da votación dos 27 concelleiros do pleno foi: 10 votos para o Partido Popular, 8 para Democracia Ourensana, 6 para PSdeG-PSOE e 3 por Ourense en Común.

Vázquez tamén anunciaba, tras tomar posesión, que a súa política “será de man tendida, de diálogo e transparencia, unha política centrada no interese común, no beneficio colectivo, unha política centrada no diálogo e nos máximos consensos posibles, unha política comprometida, desde logo, coa transparencia e a concordia”.

Tamén adiantaba os eixos “estratéxicos onde temos que actuar con especial dilixencia” nos vindeiros catro anos. Entre eles citaba o ordenamento urbano e o eixo social. “Buscaremos traballar coas portas abertas á cidadanía, falando e escoitando aos nosos cidadáns, do rural e do urbano, dunha banda e outra do Miño, do centro e dos barrios, porque a todos eles nos debemos”, aseguraba Vázquez.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button