DeportesÚltima hora

XI Carreira da Feira do Viño de Quiroga, o 3 de abril

Será a antesala deportiva do certame vitivinícola desta vila lucense que cumpre xa 33 edicións
Participantes na pasada edición da Carreira da Feira do Viño de Quiroga./ Foto: Carlos G. Hervella.
Participantes na pasada edición da Carreira da Feira do Viño de Quiroga./ Foto: Carlos G. Hervella.

Dende hai xa once anos Quiroga celebra, como antesala da súa coñecida Feira do Viño, unha carreira popular que atrae a multitude de participantes. Nesta ocasión este evento deportivo está programado para a tarde do vindeiro 3 de abril e manterá un esquema moi similar ao da pasada edición. A proba estará a aberta a participación de corredores de todas as idades. Haberá ata 13 categorías diferentes (masculinas e femininas) que irán dende pitufos ata veteráns.

Os primeiros en competir serán os nenos. A partires das 16:15h. comezarán as carreiras dos máis xoves, cuxo punto de partida se situará diante do Concello de Quiroga. Dependendo das categorías, irase incrementando a distancia de competición, que na pasada edición ía dos 100 metros dos pitufos ata os 2.000 metros que tiñan que correr os cadetes.

Xa ás cinco da tarde, e dende ese mesmo lugar, darase a saída á carreira dos maiores. Nela participarán as categorías xuvenil, senior e veteráns. Os atletas que decidan participar terán por diante un circuíto de 9 quilómetros, cun percorrido idéntico ao de anos anteriores.

A meta situarase tamén nas proximidades da Casa Consistorial quiroguesa, tal e como se adianta dende a organización, en mans da Área de Deportes do Concello de Quiroga.

Texto: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button