En portadaÚltima hora

“XII Noite entre Lobos e Estrelas”, o 24 de xullo pola Senda Verde do Xares

Esta marcha, organizada polo Club Montañas de Trevinca, terá un percorrido duns 33,8 km

Imaxe da anterior edición da “Noite entre Lobos e Estrelas” en Trevinca./ Foto cedida polos participantes.

 

Como cada verán, coincidindo coa lúa chea de xullo, chega unha proposta singular para coñecer as montañas de Trevinca, teito de Galicia: a “XII Noite entre Lobos e Estrelas”. Esta marcha, promovida polo Club Montañas de Trevinca, está prevista para a noite do sábado 24 ao 25 de xullo cun percorrido totalmente diferente aos realizados ata o de agora: a Senda Verde do Xares (PR-G 211).

“É unha ruta circular arredor do encoro de Prada que permite gozar das paisaxes naturais e das creadas polo home. A creación do encoro de Prada e o asolagamento do fondo do val do río Xares, formou unha contorna húmida cun microclima propio. A ruta carece de fortes desniveis. A súa dificultade pode radicar na lonxitude da mesma e o seu principal interese é o percorrido por camiños e pistas que cruzan varias aldeas, onde a paisaxe nocturna sobre as augas do encoro coas Montañas de Trevinca ó fondo producen nos camiñantes uns sentimentos de tranquilidade e paz interior”, explican dende a organización.

O punto de partida da marcha será a Oficina de Turismo da Veiga ás 24h. O percorrido irá pola beira dereita o río Xares ata a presa de Prada (pasando por Casdenodres, Castromarigo e Candeda), para despois volver pola marxe esquerda ata a praia dos Franceses, novamente na Veiga.

A ruta terá un percorrido duns 33,8 km e estímase que a súa duración será de entre nove horas e media e dez horas e media.

As prazas da actividade están limitadas a 35. As persoas interesadas poderán inscribirse a través da web www.montanasdetrevinca.es, no correo electrónico club@montanasdetrevinca.es ou no teléfono 616 54 69 72. A data límite para anotarse será o 22 de xullo ás 15h.

 

Artigos relacionados

Back to top button