OurenseÚltima hora

Xinzo aposta pola cultura e o deporte con máis de 60 actividades en xullo e agosto

A programación comeza o vindeiro domingo, 5 de xullo, co concerto de Queixume dos Pinos na Praza de Carlos Casares e as primeiras clases de pilates e zumba na Alameda do Toural

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama xunto cos concelleiros de Cultura e Deportes, Ramiro Rodríguez e Rafael Penabad.

 

O Concello de Xinzo de Limia, en colaboración con outras administracións e asociacións, programa arredor de 60 actividades culturais e deportivas para amenizar os meses de estío aos seus cidadáns. Dende que o goberno local decididu a suspensión das festas patronais por mor da crise sanitaria, púxose a traballar no deseño dunha axenda de actividades de modo que dende o próximo domingo, día 5 de xullo, non haberá ningún fin de semana sen algún tipo de evento cultural ou deportivo. “Tras semanas de duro confinamento, agora chega a Xinzo o tempo da cultura, o deporte saudable, e o divertimento, sempre responsable e seguro”, explicou na presentación a alcaldesa Elvira Lama xunto cos concelleiros de Deportes, Rafael Penabad, e Cultura, Ramiro Rodríguez.

As actividades varían dende actuacións musicais e teatrais ata monólogos, espectáculos de humor e maxia, xogos populares, desfiles, exposicións, obradoiros e tres campamentos: de fútbol, baloncesto e infantil. Tamén están programadas varias actividades de ximnasia ao aire libre na Alameda do Toural que inclúen clases de pilates, ximnasia, zumba e baile moderno.

O Concello non quere esquecer as precaucións e os protocolos sanitarios, necesarios para que estas actividades se desenvolvan con total seguridade para os cidadáns da capital da Limia. Por iso, todos os eventos están deseñados en formatos reducidos e con limitación e control de aforo.

A programación deuse a coñecer publicamente hoxe, venres 3 de xullo. Nela destacouse o esforzo dos veciños da localidade ourensá e a necesidade dun chisco de distensión e distracción tras o meses de confinamento. Tamén se subliñou que nunca antes se programaran tantas actividades culturais e deportivas para os meses de verán. Pese a que dende o Concello non descartan incorporar novos eventos, o programa estructúrase do seguinte modo.

“Vrao Cultural 2020”

Música de diversos xéneros (folk, pop, rock, hip hop), monicreques, actuacións teatrais, monólogos, humor e maxia durante todas as fins de semana de xullo e agosto. Algúns dos grupos que participan no proxecto son: Habitación Vudú, Chupadeskay, Grilo, Monolious Dop, Queixume dos Pinos, Fiadiero, Mago Cayetano Lledó, Produccións excéntricas, Clown Gabriel, Serxio Pazos, Esmuli Concerto, Sarabela Teatro, Cuarteto Ourenlú, Covas das letras, Zancalino Boneca Lareta, Xanela do Maxín, A Maxia de Fani Triana, Pitusa Semifusa e Goldenwo.

“Xinzo-Fit 2020”

Clases gratuítas na Alameda do Toural para todos os públicos, os martes e xoves de 19:30h a 20:30h e os domingos de 10:00h a 11:00h. En total impartiránse 50 clases ao longo dos próximos dous meses.

“Semana do esquecemento”

Este ano celébrase a XX edición desta actividade, pero, debido a pandemia da COVID-19 a súa execución será diferente a dos anos anteriores. O Concello realizará actividades ligadas coa Festa do Esquecemento na semana do 17 ao 23 de agosto e sempre cumprindo cos protocolos sanitarios. Os eventos programados son: obradoiro de coiro, obradoiro de confección de elementos decorativos, exposición fotográfica, decoración da vila, desfile de hordas castrexas, desfile de lexións romanas, montaxe de castro e tenda romana, desfile castrexo romano, teatro sobre a lenda do Río Lethes, espectáculo de A Lenda das Meigas, espectáculo de lume, xantar de confraternización (limitado a 250 persoas), xincana e xogos populares e premios Bispo Idacio.

 

A Festa do Esquecemento na súa pasada edición. / Foto: Carlos G. Hervella.

 

“Campamentos”

Terá lugar un campamento infantil para nenos nados entre o 2003 e o 2013 que, por primeira vez, amplíase aos meses de xullo e agosto. O formato escollido será dun campamento por quincena e con grupos de 9 rapaces por monitor, de 10:30 a 13:30 e con servizo madruga dispoñible dende as 9:30. Tamén está previsto un campamento de fútbol organizado pola Fundación Celta de Vigo con clases impartidas polos adestradores do club. As clases están destinadas a nenos e nenas de entre 4 e 16 anos en grupos reducidos, dende o 1 ao 17 de xullo. Por último, tamén está programado o Campus de Baloncesto Salva Arcos, organizado en colaboración co Concello de Sandiás e que terá lugar na semana do 2 ao 9 de agosto.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button