Entroido 2021OurenseÚltima hora

Xinzo aumentará a presencia policial ata o Martes de Entroido para evitar un repunte dos contaxios

Policía Local, Garda Civil e ata Policía Autonómica e Nacional, co apoio de Protección Civil, vixiarán a celebración de reunións ilegais

Reunión para organizar o operativo policial do Entroido en Xinzo.

 

O Concello de Xinzo segue traballando para manter a boa evolución da curva de contaxios no municipio, que hoxe rexistra 63 casos activos cando fai menos de 20 días estaba en 247.

Para elo, ante a fin de semana grande do Entroido, dende mañá ata o próximo martes, mobilizou a profesores e profesoras dos centros públicos e do conservatorio, persoal sanitario, membros do goberno local e tamén a Protección Civil, Garda Civil y Policía Local. Representantes e membros de todos estes ámbitos participaron nun vídeo coral no que lle piden a toda a poboación que se coide porque o Entroido volverá, pero as vidas que se perdan por mor da pandemia, non.

E na xornada deste venres día 12, a alcaldesa Elvira Lama o concelleiro de Tráfico, Ramón Gómez, mantiñan unha reunión de traballo cos responsables da Garda Civil, Policía Local e Protección Civil para planificar o dispositivo que se ocupará durante esta fin de semana dos labores de vixilancia e control, prestando especial atención ás reunións non autorizadas e ás festas ilegais.

Tanto a Policía Local como a Garda Civil duplicarán a súa presencia na rúa, tanto en número de efectivos como patrullas, e contarán ademais co apoio dos voluntarios de Protección Civil. Igualmente, durante a fin de semana incorporaranse de forma puntual a este dispositivo axentes da Policía Autonómica e da Policía Nacional que habitualmente fan traballos de vixilancia na fronteira.

Artigos relacionados

Back to top button