OurenseÚltima hora

Xinzo de Limia mantén baixos os seus índices de criminalidade

O subdelegado do Goberno, Emilio González, e a alcadesa de Xinzo, Elvira Lama, copresidían a Xunta Local de Seguridade na que se analizou a situación de seguridade cidadá no municipio

Xunta local de seguridade en Xinzo de Limia./ Cedida.

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, copresidiron esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade na que se realizou unha análise da seguridade cidadá, así como dos datos de violencia de xénero no concello.

No tocante á seguridade cidadá, Emilio González sinalou que “o índice de criminalidade en Xinzo de Limia mantense en niveis baixos. As administracións e as forzas e corpos de seguridade seguiremos traballando coordinadamente para manter os niveis de seguridade acadados”. O subdelegado do Goberno indicou que, con respecto aos datos da anterior Xunta Local de Seguridade, se observa un descenso dos delitos graves e menos graves contra o patrimonio, mentres que os delitos telemáticos presentan unha tendencia á alza.

En canto aos datos rexistrados no Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén), actualmente no concello de Xinzo de Limia hai activos dez casos. Deles, un presenta risco medio, cinco risco baixo e catro risco non apreciado e todos contan con medidas xudiciais de prohibición de aproximación e comunicación. En canto ao seguimento dos casos activos, seis son asignados á Garda Civil e catro á Policía Local.

No relativo ao Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas, o subdelegado do Goberno salientou que se incrementarán os mecanismos de comunicación e colaboración cos centros educativos do concello co obxectivo de impulsar os recursos cos que informar e formar aos participantes sobre acoso escolar; uso das novas tecnoloxías; consumo de drogas e alcol; violencia de xénero; condutas incívicas, violentas e vandálicas; e racismo, xenofobia e intolerancia, entre outras temáticas. Así mesmo, manterase a vixilancia nas inmediacións dos centros escolares para combater e previr o tráfico, consumo e tenencia de drogas, así como todo tipo de condutas violentas.

Por último, na Xunta Local de Seguridade acordouse a elaboración dun plan de seguridade coordinado entre a Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil de cara ás próximas festas do Entroido.

Artigos relacionados

Back to top button