En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Xinzo de Limia, epicentro das homenaxes a Carlos Casares no Día das Letras Galegas

A Real Academia Galega celebraba no salón de plenos desta vila a sesión extraordinaria adicadoa a este escritor coa intervención de tres académicos

Na terra na que medraba Carlos Casares, Xinzo de Limia, celebraba a Real Academia Galega (RAG) o 17 de maio a sesión extraordinaria do Día das Letras Galegas, adicado nesta ocasión a este escritor ourensán. Nela realizábanse tres achegas ben diferentes á traxectoria literaria e persoal deste autor. Nun primeiro lugar falábase de Casares como “construtor de públicos e lectores novos, achegándose aos nenos. En segundo lugar vimos ao Casares construtor dunha obra literaria narrativa poderosa nas súas novelas e, finalmente, tivemos unha visión novidosa del dende a perspectiva da poesía” e do seu entusiasmo pola figura do Che Guevara, tal e como resumía ao termo do acto o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.

A sesión iniciábase ao redor das 11:30h. coa intervención da académica Fina Casalderrey, quen subliñaba a importancia da comarca da Limia na vida e na escrita de Casares. “No ecosistema de Xinzo asistiu Casares á primeira escola do fantástico, aquí enraizou no cerne das esencias galegas e experimentou o feito prodixioso de comprobar que as pequenas cousas poden dar paso a grandes emocións e que, estas, permanecen habitándonos de por vida”. Resaltaba asemade a súa significativa aportación á literatura galega infantil e xuvenil e lembraba a súa figura como mestre, mencionando que na actualidade levan o seu nome centros educativos de Xinzo de Limia e Nigrán, pero esquecéndose do IES de Viana do Bolo, que tamén leva o nome de Carlos Casares e que foi asemade o primeiro lugar galego onde impartía clases no curso 1969/70. Casalderrey concluía aludindo ao Casares poeta, ao recitar os versos dun dos seus poemas, “Amemos”. Con el ganaba o terceiro premio das Festas Minervais de Santiago de Compostela en 1963.

De seguido, o académico Henrique Monteagudo referíase a Casares como “un escritor polifacético” cuxo “maior legado foi a súa obra narrativa e valiosas achegas á literatura infantil”. Mencionaba “Vento Ferido” como “libro inaugural da súa traxectoria narrativa”, para logo afondar no “arco central” da súa narrativa, facendo especial fincapé na “triloxía” formada por “Ilustrísima”, “Os mortos daquel verán” e “Deus sentado nun sillón azul”. Nestas obras, dicía Monteagudo, “o humor introduce un factor de distensión e permite caricaturizar aos sectores representados, pero conforme avanza a triloxía aumenta a tensión e humor está totalmente ausente na figura de “Deus sentado nun sillón azul””.

Pola súa banda, Xesús Alonso Montero, que titulaba a súa intervención “Carlos Casares, 23 versos de 1967 e unhas lacónicas frases contemporáneas do seu diario”, abordaba algunhas das facetas menos coñecidas do autor. Referíase a el como crítico literario, como biógrafo memorialista, tradutor ao galego, epistológrafo… Pero sobre todo, como poeta. “Entre 1963 e 1968 cultivou a poesía con entusiasmo e, dende os 21 anos atopamos poemas seus en publicacións serias, non pouco inscribibles no que, naquel tempo se chamaba poesía comprometida. Algúns destes textos foron poemas de encarga, como o panexírico á bibliofilia patriótica de Fermín Penzol, encargado por Ramón Piñeiro en 1963, ou o poema “de emerxencia para Antonio Machado”, que eu lle encarguei e publiquei no ano 1966″. E contaba asemade como a morte do Che Guevara inspirou un dos seus poemas.

Finalmente era Víctor F. Freixanes, no seu primeiro acto académico nas Letras Galegas como presidente da RAG, o encargado de clausurar o acto. Subliñaba a dimensión de Casares como “xestor cultural” e o seu labor como editor de Galaxia, “que é unha maneira de organizar o coñecemento para difundilo”. Asemade resaltaba a súa dimensión como cidadán, “como un home comprometido co seu país e co seu tempo, comprometido coas institucións, coa construción dun país”, convencido de que Galicia precisa que éstas sexan “sólidas e cribles” e “capaces de concitar aceptación social”. Freixanes recordaba neste senso o labor de Casares como membro da RAG, presidente do Consello da Cultura Galega e mesmo como parlamentario, etapa na que foi un dos impulsores da Lei de Normalización Lingüística.

E concluía con agradecementos á familia de Carlos Casares, cunha mención especial para a súa neta Xulia, así como á Fundación Carlos Casares e ao Concello de Xinzo. O acto, que se puido seguir tamén desde a pantalla instalada na praza que leva o nome de Carlos Casares, contaba coa presenza da familia do escritor ourensán, así como de diversos representantes institucionais como membros da Corporación de Xinzo de Limia, os presidente da Xunta de Galicia e do Parlamento galego, ou o conselleiro de Cultura, entre outras autoridades.

Fotos: Carlos G. Hervella
Máis información e fotos:
https://osil.info/xinzo-lembra-ao-escritor-que-imaxinou-galicia-como-un-pais-de-palabras/

Artigos relacionados

Back to top button