OurenseÚltima hora

Xinzo prepárase para o Colgamento do Meco e o Domingo Oleiro

Máis de 500 olas chegan hoxe á vila para ser custodiadas ata o domingo pola Asociación A Pantalla
Rúa do casco vello de Xinzo decorada para esta fin de semana.

Despois do Petardazo e do Domingo Fareleiro, Xinzo vivirá esta fin de semana outras dúas importantes citas do Entroido. Mañá, sábado 16 de febreiro, entre lusco e fusco o Meco percorrerá o casco vello acompañado pola comitiva ata a praza Maior, onde será colgado. Por motivos de seguridade “ante a esperada chegada de grupos, tanto contratados pola organización como de outros, sobre todo da zona do sur de Pontevedra que anunciaron a súa presenza para participar activamente da festa do sábado e do domingo”, este ano a comisión do Entroido acordaba o cambio do percorrido, e da praza de Oriente irá pola rúa do Peto e a avenida de Ourense. “Precisamente por este cambio de percorrido, colocáronse os adornos das rúas do casco vello”, explican dende o Concello (os concelleiros de Cultura e Urbanismo forman parte da comisión).

Esta será unha das fins de semana máis grande do Entroido en Xinzo, non só pola cantidade senón da calidade, sendo ademais a máis tradicional. Por iso, a Asociación A Pantalla, encargada case o 100% da organización tanto do Meco como do Oleiro, anima a todos os seus socios, e a aqueles que non o son, a que saian as rúas totalmente caracterizados de época. A asociación é tamén a encargada de gardar e custodiar as máis de 500 olas que chegan hoxe a Xinzo, para sacalas á rúa o domingo 17 de febreiro, tanto pola mañá no Oleiro Infantil como pola tarde no Sénior.

Música de rúa

A música non pode faltar nesta celebración e son moitas as actuacións contratadas nos escenarios postos pola comisión. Hoxe pola noite tocaralle a Tiruleque e Pelepau; o domingo será o grupo O Fiadeiro; e ademais haberá grupos de rúa dende a mañá como son Melidaos, Tanto nos Ten e Abobriga. “Tamén se espera que varios grupos de Xinzo e da comarca participen facendo música polas rúas con cantareiras e bailadores”, din dende a comisión organizadora, adiantando que “se o tempo acompaña, teremos un Oleiro moi bonito e participativo”.

Artigos relacionados

Back to top button