OurenseÚltima hora

Xituma Batuke, Albor, Os Caliqueños e Doctor Anchoa, no Entroido de Verán de Ourense

O desfile celebrarase o sábado 15 de setembro a partires das 21:30h. polas rúas do casco histórico
Desfile de Entroido polas rúas de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

Como “unha aposta por consolidar unha festa tan ourensá coma é o Entroido, adaptado á calor pero mantendo o seu carácter único vinculado á rúa e ao maxín dos seus participantes”, se presenta o Entroido de Verán do Concello de Ourense, que tomará as rúas do centro histórico da cidade o vindeiro 15 de setembro, a partires das 21:30 horas, cun desfile que rematará coa entrega de preto de 2.000 euros en premios e unha festa na praza do Correxidor.

Os participantes realizarán un percorrido pola praza Maior, Lamas Carvajal, a praza de Santa Eufemia, a rúa da Paz, a praza do Ferro e a rúa dos Fornos para rematar na praza do Correxidor, para ser valorados por un xurado.

Este ano o desfile contará coa animación de catro charangas: Xituma Batuke, Albor, Os Caliqueños e Doctor Anchoa, que animarán as rúas da zona histórica ata as 2 da mañá. Pola noite a festa concentrarase na praza do Correxidor, onde a música correrá a cargo de diversos Dj’s.

O Entroido de Verán repartirá 1.975 euros en 15 premios distribuídos nas categorías Individual, Parellas, Grupos (de máis de catro persoas) e mellor foto colgada no Facebook “Entroido de verán en Ourense”. Na categoría de premios individuais o primeiro premio estará dotado con 200 euros; o segundo, con 150 euros e o terceiro con 100 euros. Tamén haberá cinco accésits de 50 euros. Para as parellas os premios serán de 200 euros para os gañadores; 150 euros para os que queden de segundos e 100 euros para os terceiros. Na categoría de grupos os premios serán de 350 euros, 250 euros e 150 euros. A contía do premio para a mellor foto colgada no Facebook será de 75 euros.

Para participar e optar aos premios é preciso inscribirse nas instalacións da Concellaría de Cultura, ou no mail cultura@ourense.es antes do vindeiro martes, 11 de setembro, ás 13 horas.

Artigos relacionados

Back to top button