En portadaGalerías de fotosÚltima horaXIX Feira do Viño de Valdeorras

A XIX Feira do Viño de Valdeorras arranca cun chamamento á unidade

O pregoeiro, o ex ciclista Álvaro Pino, comprometíase a facerse embaixador dos viños valdeorreses para extendelos “a cantos máis países mellor”

O música trepidante da Fanfarria Takikardia marcaba o inicio da XIX Feira do Viño de Valdeorras, que vén de abrir a súas portas na mañá do 16 de xullo na praza de Viloira (O Barco). O seu son cesaba ao redor das 12:30h., momento no que principiaba o acto inaugural do certame cun minuto de silencio en memoria das vítimas do atentado acontecido na noite do 14 de xullo en Niza (Francia). De seguido viña un turno de intervencións que abría o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Francisco García, e que concluía coa lectura do pregón a cargo do ex clicista Álvaro Pino.

No seu discuro García lembraba o peso do sector vivinícola “un dos principais motores económicos da nosa comarca e da provincia de Ourense en xeral”, así como a “excelente calidade e o grandísimo potencial” dos viños valdeorreses.Tamén lembraba que asumía hai cinco meses a presidencia da D.O. e que nese tempo “marqueime como obxectivo crear unhas bases sólidas para o consello regulador nas súas distintas sub-áreas. Un obxectivo para o que preciso, loxicamente, da colaboración de todas as persoas que conforman o sector produtivo da comarca, ás que quero tender publicamente a man”. Asemade referíase á feira como un “escaparate excepcional para amosar a potencialidade dos nosos produtos e que contribúe tamén á dinamización turística da nosa comarca”. Tamén agradecía a implicación das 17 adegas que participan nesta edición da mostra que “en conxunto representan o 60% da produción do viño de Valdeorras”. E finalizaba, en alusión directa ao pregoeiro, destacando que “en Valdeorras temos que xogar en equipo, o mesmo que os equipos que se desenvolven nas carreiras ciclistas máis importantes do mundo”.

Posteriormente tomaba a palabra o deputado Juan Anta, que acudía en representación da Deputación de Ourense, e felicitaba ao pregoeiro tendo en conta que se cumpren trinta anos da súa vitoria na Volta a España. Ademais Anta amosaba o “apoio absoluto da Deputación a este sector, que consideramos prioritario”. E recollendo as últimas palabras do presidente do consello incidía en que “equipo é a palabra clave e unha reivindicación para este sector”. Na mesma liña se manifestaba a delegada da Xunta en Ourense, ao apuntar que “a colaboración, a cooperación e o diálogo son fundamentais para que a Denominación de Orixe tire para adiante”.

Ao acto tamén acudía o o director da Área de Agricultura e Gandeiría do Ministerio de Agricultura (Magrama) en Galicia, José Álvarez, quen subliñaba que “somos produtores de viños moi singulares, cunha personalidade ben definida e que gusta tanto nos mercados locais como internacionais, un valor que chegou ata nós de man dos que xa non están”. Pero ademais de poñer en valor esa tradición, mencionaba a importancia da innovación para “seguir conquistando máis mercados”.

O círculo de intervencións completábase coa do alcalde do Barco, Alfredo García, quen insistía tamén na importancia de “traballar en equipo. Valdeorras é un equipo producindo viño e hai que superar as diferenzas. O viño é un sector importantísimo de desenvolvemento para esta comarca e temos que seguir traballando con ese exclusivo obxectivo”. Ademais lamentaba a ausencia de membros do goberno galego, como é o caso da conselleira do Medio Rural, cuxa asistencia se anunciara hai uns días. “Quero reivindicar que Valdeorras tamén existe, como Soria ou como Teruel, e ás veces dá a impresión de que existimos pouco. Hoxe non hai nada máis importante en Galicia que a Feira do Viño de Valdeorras, por moitas festas mariñeiras que haxa en todo o litoral galego, o máis importante dende o punto de vista económico que hai en Galicia é a Feira do Viño de Valdeorras e, polo tanto, sempre observamos como nos falta presenza nesta feira. Non hai ninguén que faga mellores viños brancos que Galicia pero Valdeorras está aí, á cabeza de todos eles. E eu reivindico que Valdeorras existe e iso tense que plasmar estando aquí, os que teñen que estar e cando teñen que estar”.

Así dábase paso ao pregón da feira no que Álvaro Pino recordaba a súa relación cos viños valdeorreses e resaltaba o labor promocional do CRDO Valdeorras, “a presenza dos seus viños é cada vez maior nos mercados internacionais”. E establecía un paralelismo entre o ciclo da uva e o ciclismo, “con etapas chairas como é a época primaveral ou invernal, sprints como a plantación ou os enxertos, con contrarreloxos como a época de floración, etapas de media montaña como a preparación da vendima ou de alta montaña ou raíñas como a vendima”. Ao mesmo tempo poñía en valor “o esforzo dos viticultores, xunto á constante mellora dos viñedos e a crecente importancia da investigación”.

As autoridades realizaban a continuación un percorrido polos stands da feira para degustar os seus viños. Pola tarde o recinto reabrirarase a partires das sete e media, pero antes ás seis e media comezará a cata con xurado popular, que se inclúe por vez primeira no programa do certame.

Texto: A.R.
Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button