CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

XIX Xuntanza da Asociación de Antigos Alumnos do Colexio Santa Leonor-Virxe da Luz de Trives

Unhas 115 persoas participaban no xantar co que se pechaba o programa deste encontro celebrado o 11 de agosto na vila

Compartían ao longo dunha xornada moi especial lembranzas da nenez e do centro onde se formaban moitas décadas atrás. Unha edición máis, e xa van 19 consecutivas, a Asociación de Antigos Alumnos do Colexio Santa Leonor-Virxe da Luz de Trives celebraba a súa xuntanza anual. O encontro comezaba na capela do colexio, onde se oficiaba unha eucaristía, seguida da asemblea da asociación, que preside Berardo Araújo.

Despois, e tras facer a tradicional foto de familia nas escaleiras do colexio, os antigos alumnos visitaban a nova sede da entidade, situada no antigo centro de formación en seguridade de Saltos del Sil, nun edificio moi próximo ao colexio. No seu interior podía verse unha gran exposición de fotografías antigas, onde moitos se recoñecían así mesmos e aos seus compañeiros de estudos, así como imaxes de anteriores xuntanzas.

A mostra incluía ademais diverso material escolar e de estudo da época e unha orixinal e variada colección de beléns do presidente Berardo Araújo, quen recibía as felicitacións dos membros da asociación polas novas instalacións.

Tras esta visita, dábase paso ao xantar de confraternidade, ao que tamén asistían as mulleres dos ex alumnos de Santa Leonor, e que tiña lugar nas instalacións do colexio. Nela participaban unhas 115 persoas. Entre os asistentes desta edición estaban ademais os irmáns de La Salle Abilio e Ricardo.

 

Regalo realizado por Paco Cossío á asociación nesta xuntanza./ Foto cedida pola Asociación de Antigos Alumnos de Santa Leonor.

No decurso do xantar, en cuxa sobremesa non faltaban as deliciosas quesadas de Paco Cossío, tamén tiña lugar un intercambio de agasallos. Así Cossío entregáballe á asociación unha peza, simulando un libro e na que se rende homenaxe as súas orixes cántabras e tamén ao lugar onde estudou e se formou: o colexio Santa Leonor de Trives.

Fotos: Carlos G. Hervella (as 24 primeiras da galería)/ Asociación de Antigos Alumnos de Santa Leonor de Trives.

Artigos relacionados

Back to top button