ConcellosÚltima hora

Xogos populares, lectura pública e música nas Letras Galegas en Viana do Bolo

Na tarde do 17 de maio na praza Maior daranse a coñecer os nomes dos ganadores do concurso de microrrelatos

 

Imaxe dos actos das Letras Galegas en Viana do Bolo o pasado ano./ Foto cedida.

 

Continúa a programación das Letras Galegas en Viana do Bolo. Tras a música de Guadi Galego e o teatro de “O Souto dos Prodixios”, o 17 de maio, o propio Día das Letras Galegas, a praza Maior de Viana será escenario a partir das 17h. dunha lectura pública da obra da autora homenaxeada este ano, María Victoria Moreno. Ademais farase entrega dos premios do concurso de microrrelatos (orientado ao alumnado de primaria) e haberá xogos populares da man de Paporrubio.

“É un concurso que tivo unha moi boa acollida entre a mocidade de Viana; houbo uns 30 participantes nas dúas modalidades. Darase a coñecer quen son os gañadores, entregaranse os diplomas e os agasallos aos participantes e os premios aos gañadores por parte dos membros do tribunal e representantes municipais”, sinala o alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández.

Ao día seguinte, 18 de maio, porase en escena a obra teatral “Leonardo e os fontaneiros” ás 12:30h. na Casa da Cultura. Este programa, promovido polo Concello de Viana do Bolo, completarase con música. Para o venres 18 de maio ás 20h. está previsto un Festival das Letras da Asociación Cultural Candea na Casa da Cultura ás 20h.

Dende o Concello de Viana do Bolo anímase aos veciños a participar nestas actividades a prol da lingua e da cultura galega.

Artigos relacionados

Back to top button