ConcellosO BarcoÚltima hora

Xogos tradicionais, música, contacontos e moito máis para celebrar as Letras Galegas no Barco

 

Dende hoxe, mércores 11 de maio coa iluminación da fachada da Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán, e ata o xoves 19, o concello do Barco de Valdeorras celebrará dun xeito moi especial As Letras Galegas, rendendo a súa particular homenaxe ao poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán.

O programa propiamente dito arrancará o sábado 14 de maio, de 11 a 13 horas con obradoiro de xogos populares e tradicionais, dirixido a nenos de entre 3 e 12 anos, acompañados dun adulto, xa que do que se trata é de xogar en familia e con outras familias. Recoméndase levar roupa cómoda, protección solar e auga. O máximo de participantes é de 40 e as inscricións fanse na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán punto de recepción e de despedida da actividade. Ese mesmo día ás 19 horas, na rúa Abdón Blanco, na praza José Otero e na praza Maior haberá un Serán poético onde ‘Barullo’ e Fátima Delgado recitarán poesías de Florencio Delgado Gurriarán.

Os cativos serán tamén os protagonistas o domingo 15 de maio co contacontos ‘Florencio nas Ondas ás 12:30 horas previa inscrición na Biblioteca FDG. A actriz Raquel Queizás guiará un programa de radio moi especial para coñecer algo máis sobre o poeta de Córgomo. A actividade realizase á beira do río Sil, á altura da Biblioteca, para poder gozar da natureza que tanto apaixonou a Florencio.

O luns, 16 de maio, ás 19 horas no exterior do Teatro Lauro Olmo haberá entrega gratuíta ao público de briks de leite Feiraco, personalizados coa imaxe de Florencio Delgado Gurriarán, coa animación musical de Sr. Jingles e unha hora máis tarde terá lugar o Concerto das Letras Galegas, no que o grupo Zoar interpretará obras de Adolfo Salazar, Jesús Bal y Gay, Rodolfo Halffter, Frederic Mompou e Gerardo Gombau, e a soprano Clara Jelihovschi Panas porá voz a poemas de Amado Carballo, Ramón Cabanillas e Florencio Delgado Gurriarán. Tamén terá lugar a estrea da peza “Diásporas” de Carme Rodríguez sobre textos de Florencio Delgado Gurriarán, encargada polo Consello da Cultura Galega para esta celebración.

 

 

Así chegamos ao martes, 17 de maio, co acto institucional do Día das Letras Galegas ás 11 horas mno Teatro Lauro Olmo, coa actuación de Roi Casal. Para asistir, faise precisa reserva previa. Á mesma hora comezará a XX edición do Maratón de Lectura organizado pola asociación Vagalume e o Concello do Barco na praza do Concello, aberta a todos os que queiran participar.

E xa pola tarde, ás 20 horas Fantoches Baj presentará a obra Tras os vieiros de Florencio.  Unha peza de teatro performance para público adulto incluída na xira patrocinada polo programa FALAREDES da Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. A entrada é libre ata completar o aforo. Trátase dun relato autobiográfico sobre Florencio Delgado Gurriarán, no que tamén se intercalan algúns dos seus poemas. A obra conta como, tralo periplo habitual como visitador de farmacia pola contorna de Guadalaxara, Florencio D. Gurriarán, chega a casa canso e sedento polo moito peso do seu maletín, onde trae frascos farmacéuticos cheos de area da praia de Manzanillo. Pouco a pouco, sobre unha caixa con pedriñas, e ante un público familiar, vai deitando area ata construír un túmulo simbólico onde chorar a morte do seu admirado amigo, recentemente falecido, Aquilino Iglesia Alvariño; ao tempo que lembrará os vieiros que percorreu ata chegar ao seu exilio mexicano.

O programa das Letras Galegas no concello do Barco rematará o xoves 19 de maio ás 19horas co contacontos ‘Vendimando Versos’. A actriz Soledad Felloza protagoniza un espectáculo de versos e crónicas ao rededor da obra de Florencio Delgado Gurriarán. Unha viaxe desde Valdeorras a México. Unha historia de amor pola terra, a lingua e os costumes e tradicións dos seus veciños.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button