Galerías de fotosÚltima hora

Xoias do motor na Rúa

A concentración de clásicos reuníu cen vehículos no Aguillón

O tempo, o emprazamento e a organización, axudaron a que a concentración de clásicos da Rúa fose un ano máis todo un éxito.

No marco da Baco Festa que se celebraba na Rúa a fin de semana do 15 ao 17 de agosto, un cento de coches clásicos dábanse cita no antigo campo de fútbol do Aguillón na mañá do domingo. Sobre o céspede, fermosos Cadillac, Renault, Ferraris, Volkswagen… coches con máis de 25 anos, restaurados con cariño e mimo ata convertelos en verdadeiras xoias do motor.

Tal como explican dende a organización, todo saíu moi ben “o bo tempo axudou e a ruta por Petín, San Paio e Valencia do Sil estivo moi ben, controlada nos cruces pola Garda Civil e Protección Civil, non houbo ningún percance e moita xente se achegaba ás estradas para ver pasar os coches”.

A ruta tiña lugar pola mañá e xa a partires da unha da tarde os clásicos inscritos concentrábanse na explanada para deleite dos centos de curiosos que por alí se achegaron, fotografándose cos seus coches preferidos. Todos tiñan algún engado aínda que dende a organización destacan a presenza de dous: un Biscúter fabricado en Barcelona (un microcoche dos que xa non hai e que participaba na concentración por primeira vez) e un Mercedes Pagoda descapotable co interior de madeira, o máis luxoso dos anos 50, procedente de Xinzo. Tamén houbo algunha moto e un fermoso camión chegado dende Ourense.

O encontro de clásicos remataba coma sempre cun xantar que contou con preto de duascentas persoas.

Fotos: Carlos G. Hervella/ Mónica G. Bellver/ Maribel Laranjo

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button