CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

Xornada ao ritmo das tradicións en Manzaneda

A vila acollía a cuarta edición dos seus seráns con xogos populares, baile e moita música

Entre bolos e billarda arrancaba a mañá do 23 de abril en Manzaneda. O patio da escola desta vila acollía unha serie de competicións de xogos populares, no decurso das cales tamén se contaba cunha demostración do xeito de xogar aos bolos celtas na contorna de Anguieiros (Quiroga) da man da Asociación Boca do Monte. Deste xeito comezaba o IV Serán Vila de Manzaneda.

Xa pola tarde, nese mesmo lugar, era o baile e a música as que cobraban protagonismo. Tiña lugar un obradoiro co Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, acompañado polas Gorxas Barvas e o grupo tradicional Os Bertolini, de Manzaneda.

E a partires das once da noite a festa trasladábase ao local da Asociación Cultural A Rebusca, en cuxo escenario actuaban as formacións musicais Coanhadeira, Tanto nos ten e Repichoca, nunha serie de concertos que se prolongaban ata a madrugada.

Esta iniciativa cultural vai pola súa cuarta edición e que ten sido organizada polo Concello de Manzaneda e pola Asociación A Rebusca.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button