CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

Xornada de divulgación contra incendios forestais no CEIP Julio Gurriarán do Barco

O Día Mundial da Árbore celebrarase con plantacións en distintos puntos da comarca, destacando o Arboretum da Rúa o 21 de marzo

Un batefogo, botas, cascos, lanternas, unha brúxula, unha máscara, prismáticos e mesmo lupas. Son algúns dos utensilios que se utilizan nun incendio forestal e que os alumnos do CEIP Julio Gurriarán do Barco de Valdeorras puderon ver e tocar. Facíano na mañá do 15 de marzo, no marco do programa de divulgación contra incendios forestais que o axente medioambiental da brigada de investigación (biif) do Distrito XIII, Isidro Martínez, está levando a cabo en Valdeorras.

Á xornada asistían todos os alumnos do centro en dúas quendas. Na primeira, eran os máis pequenos (de infantil, 1º e 2º de Primaria) os que asistían á proxección do vídeo “O home do lume” e de seguido inspeccionaban o material que Isidro lles amosaba. Despois tocáballe o turno aos cativos de 3º, 4º, 5º e 6º, que asistían a unha charla máis acorde coa súa idade.

Neste mes de marzo, tamén haberá charlas nos colexios de Vilamartín de Valdeorras, Rubiá e Ramón Otero Pedrayo do Barco. E xa para conmemorar o Día Mundial da Árbore, sucederanse as plantacións. A máis destacada será a do día 21 no Arboretum da Rúa, pero tamén haberá en Sobradelo (día 16), Manzaneda (día 19), Rubiá (día 20) e Viloira (día 23).

Fotos: Mónica G. Bellver excepto as dúas últimas da galería.

Artigos relacionados

Back to top button