OurenseÚltima hora

Xornada de portas abertas na Subdelegación do Goberno de Ourense

Un cento de persoas percorrían as súas instalacións nunha iniciativa que se enmarca na Semana da Administración Aberta

 

Na mañá do 9 de maio a Subdelegación do Goberno en Ourense abría as súas portas a un cento de persoas de diversos colectivos para dar a coñecer tanto as súas instalacións como os servizos e a actividade que desenvolve a Administración Xeral do Estado na provincia. Esta iniciativa enmárcase na Semana da Administración Aberta, coa que se pretende reunir xornadas de portas abertas e outro tipo de eventos en torno a un mesmo fío condutor, os principios do goberno aberto: transparencia, participación, rendición de contas e colaboración.

O subdelegado do Goberno, Roberto Castro, recibía aos asistentes a esta xornada de portas abertas e manifestaba que “como vén sendo habitual as actividades do Goberno e da Administración Pública deben estar abertas a tódolos niveis posibles para o escrutinio e a supervisión de tódolos cidadás da provincia”. E destacaba que “unha das miñas primeiras teimas dende que asumín esta responsabilidade foi a de ensanchar as portas e ventás da Administración a toda cidadanía sen trabas nin exclusións”.

Separados en pequenos grupos, pasaban por cada departamento: Información e Rexistro, Unidade de Violencia contra a Muller, Autorizacións Administrativas, Protección Civil, Infracións Administrativas, Xurado Provincial de Expropiación Forzosa, Traballo e Inmigración e Estranxeiría. Os seus responsables fóronlles dando conta das funcións de cada un deses departamentos e dos servizos que prestan. Nalgún caso, tamén lle expuxeron exemplos prácticos de xestión de expedientes e tramitación de recursos.

 

 

Encadrada dentro das acción de formación, sensibilización e educación do Terceiro Plan de Goberno Aberto de España, esta xornada dá resposta ademais a unha iniciativa que se está impulsando a nivel mundial pola Alianza para o Goberno Aberto, da que España forma parte. O Goberno aberto contempla un conxunto de mecanismos que contribúen á gobernanza Pública e bo goberno, baseado nos alicerces de transparencia, participación cidadá, rendición de contas, colaboración e innovación, incluíndo na cidadanía no proceso de toma de decisións así como na implementación de políticas públicas. As actividades celebranse en todo o territorio español a iniciativa tanto das distintas administracións públicas como da sociedade civil e outros interesados.

 

Fotos: Subdelegación do Goberno en Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button