O Concello de Sober organiza, en colaboración coa Xunta de Galicia, unha xornada de portas abertas na Igrexa de San Vicente de Pinol para o vindeiro martes, 18 de agosto. O obxectivo desta iniciativa é que os veciños poidan coñecer as obras de restauración que se están a levar a cabo no templo. Á xornada acudirán a directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez Insua e o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián. Tamén estará presente a técnica encargada do proxecto, Montse Jiménez.
A visita será ás 11:00h, con posibilidade dun segundo pase ás 17:00h no caso de cubrirse o aforo. A primeira parte consistirá nunha lectura histórico-iconográfica mentres que a segunda metade estará centrada nas intervencións realizadas sobre o mural. O aforo estará limitado a 25-30 persoas para garantir a seguridade dos asistentes e as medidas hixiénico-sanitarias derivadas da pandemia do coronavirus. É preciso reservar a través da Oficina de Turismo de Sober, chamando ao número de teléfono 982 46 01 61 en horario de oficina ou ao 638 04 44 43.