CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

Xornada didáctica en Castañas Rafael, en Rubiá

Os alumnos de 2º de Primaria do CEIP Condesa de Fenosa visitaron a nave, ademais dun souto de castiñeiros e un sequeiro en Biobra

O viño, o patrimonio ou as castañas, son algunhas das riquezas coas que conta a comarca de Valdeorras e no CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa do Barco encárganse de que os seus alumnos o vaian coñecendo e valorando.

Así, no marco do programa “Coñece a túa comarca”, como cada ano están a realizar unha serie de saídas didácticas pola contorna. A semana pasada visitaban a Adega Cooperativa Xesús Nazareno no Barco e hoxe, 13 de novembro, o alumnado de 2º de Primaria achegábase ata as naves de Castañas Rafael, en Rubiá. Así, os 31 cativos, acompañados por tres profesoras, atenderon as explicacións da responsable da empresa, sobre o procesado dun dos produtos máis singulares da bisbarra. Dende a chegada e descarga dun camión con castañas recén collidas ata o embolsado e almacenaxe nunha cámara antre 2 e 3ºC para a súa conservación antes de ser repartidas.

Estamos en plena campaña e en Castañas Rafael traballan arreo. Uns encárganse das máquinas que separan as castañas por tamaño (hai 5 diferentes e as grandes son para vender mentres que as pequenas úsanse para doces e fariña), outros seleccionan as castañas nunha cinta, outros encárganse da esterilización (xa que o castiñeiro non se pode fumigar), outros da máquina de embolsar,… Tamén lles explicaron que hai diferentes marcas (Enxebre, Veiga,…) e que as castañas que pasan pola nave distribúense por toda España e tamén a países como Francia ou Italia.

A actividade didáctica continuaba coa visita escolar a un souto de castiñeiros en Biobra (Rubiá), para ver como se recollen as castañas e tamén a un sequeiro. Despois de xantar, achegaranse ata o centro de interpretación do Parque da Serra da Enciña da Lastra.

Mañá, mércores 14 de novembro, tocaralle a quenda ao alumnado de 5° de Primaria, que visitará a Adega Godeval e o Mosteiro de Xagoaza (O Barco). Pola tarde continuarán a camiñata ata O Castro, onde visitarán unha das edificacións máis senlleiras da comarca, a Torre do Castro.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button