EconomíaEconomíaÚltima hora

Xornada informativa no Barco sobre liñas de axudas para o emprego autónomo en Galicia

Este acto, promovido por AEVA, contaba coa asistencia da secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca

 

As axudas á contratación, as de conciliación por maternidade ou paternidade, o bono autónomo, a promoción do emprego autónomo, o bono nova oportunidade, o bono renove dos negocios ou o fomento e consolidación das das empresas. Son algunhas das liñas de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria ás que poden optar autónomos e empresas en Galicia.

Delas falaba a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, na tarde do 11 de febreiro no Barco. Participaba nunha xornada informativa, organizada pola Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), sobre as ordes de axudas galegas abertas nestes momentos no eido do emprego autónomo.

Toca Carús resaltaba o bono de Nova Oportunidade, que se vén de poñer en marcha por primeira vez, e que está dirixido a autónomos que estiveron á fronte de iniciativas que non foron adiante e que queiran volver emprender un novo negocio.

Por un lado, concédense 6000 euros como apoio ao emprendemento e, por outro lado, ata 6000 euros para formación e mentoring. Tamén se activou o Bono Renova, destinado a posibilitar a transmisión xeracional dos negocios. Contémplanse axudas tanto para a persoa que cesa a súa actividade, con apoios por 5000 euros, como para o emprendedor que a retoma, con axudas de ata 29.000 euros que inclúen asesoramento, formación, inicio da actividade e creación de emprego.

 

 

No ámbito da conciliación por maternidade e paternidade están abertas as axudas de ata 6000 euros para a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma durante un período máximo dun ano unha vez rematado o seu período de descanso por nacemento. Ademais, os beneficiarios desta axuda poderán obter apoios de ata 3000 euros para o pagamento do 75% do custos dos servizos de escola infantil.

Tamén aludía a secretaria xeral de Emprego ao programa encamiñado a apoiar a consolidación de pequenas empresas de nova creación e ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica; e activouse unha convocatoria para respaldar o movemento asociativo das persoas traballadoras autónomas, con axudas de ata 55.000 euros por entidade.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button