EconomíaEconomíaÚltima hora

Xornada no Barco sobre a planificación de novas plantacións de castiñeiro de froito

Esta acción formativa, promovida por Agacal, impartíaa o secretario da IXP Castaña de Galicia

 

O castiñeiro ten moita presenza en Galicia e moito futuro. Así o destacaba o secretario da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, Manuel López Vilariño, no curso “O castiñeiro de froito: planificación e deseño das plantacións”, que impartía na tarde do 25 de outubro no salón de actos do Multiusos do Barco.

Nesta acción formativa, organizada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), achegábase formación de cara a planificar axeitadamete as plantacións de castiñeiros en función das zonas e do destino final do produto. “Hai que plantar con vocación de permanencia e de longa duración”, dicía o relator. E, nese senso, comezaba explicando cuestións a ter moi en conta á hora de plantar como é coñecer os tres tipos de calidade da castaña: a organoléptica, a calidade sanitaria (variedades autóctonas producidas de forma natural) e a calidade industrial, que “a que se ten que observar para ver a composición de prezos”.

Deseguido falaba do prezo da castaña, diferenciando entre a que se destina ao mercado en fresco e a que vai ao mercado de primeira transformación, así como a do mercado da segunda tranformación. Aí entra o que se considera calidade industrial neste produto.

Tamén se refería López Vilariño ao que supón contar cunha marca de calidade, como é a IXP Castaña de Galicia, para ese produto, explicando que garante a súa orixe como castaña galega. Tamén detallaba as súas funcións e o labor realizado dende a creación da IXP en diversos ámbitos, dende a investigación ata a promoción, entre outros.

A partir de aí, o relator entraba xa de cheo no que supón a planificación dunha plantación (variedades priorizadas, polinizadores, condicións que debe reunir o solo, orientación, marco, análise e indicadores de vexetación), falando despois de repoboación (desbroce, preparación do terreo e replanteo), plantación (obxectivos, protaenxertos/variedades, consellos), peche perimetral e outras recomendacións (rego, fertilización). Tamén se tocaban cuestións como as axudas ao castiñeiro.

Esta acción formativa vén a dar continuidade a outras impartidas anteriormente sobre o castiñeiro de froito neste mesmo municipio e vai dirixida a persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, ou a aquelas outras con expectativa de incorporación, en especial mozos do medio rural galego.

Fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button