ConcellosÚltima hora

Xornadas Ferroviarias na estación de Baños de Molgas

Serán promovidas polo Inorde e celebraranse do 22 ao 24 de outubro co título “El patrimonio ferroviario como tractor de productos turístico-culturales”
Acto de presentación das Xornadas Ferroviarias.
Acto de presentación das Xornadas Ferroviarias.

Do 22 ao 24 de outubro a estación de Baños de Molgas acollerá as Xornadas Ferroviarias El patrimonio ferroviario como tractor de productos turístico-culturales. “Tras o bo resultado do proxecto europeo “Estaciones Vivas”, foi concedido ao Inorde un reforzo financeiro para realizar novas accións como estas xornadas ferroviarias”, aseguraba Rosendo Fernández, presidente do INORDE, no acto de presentación deste foro o 19 de outubro na Sala de Xuntas da Deputación de Ourense e que contaba tamén coa presenza do xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, e do coordinador das xornadas, Francisco Gil. Ademais destacaba que “teñen como obxectivo apostar pola promoción turística das Estacións en base aos usos para os que foron dotadas”, dende auténticos museos itinerantes de tradición e paixón, ata a recreación da historia do ferrocarril, pasando por unha homenaxe a Moncho Borrajo, xunto con outras estacións dedicadas a albergues turísticos.

Este proxecto, que está cofinanciado polo Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza España-Portugal (POCTEP), consistiu na rehabilitación de seis infraestruturas ferroviarias en desuso, na provincia de Ourense e o Funicular de Santa Luzia en Viana do Castelo, coa pretensión “de dotalas de valor e permitir a súa sostibilidade futura”, en palabras de Rosendo Fernández.

No decurso destas xornadas abordaranse distintos aspectos relacionados co mundo do ferrocarril “dende o punto de vista etnográfico, histórico, cultural e patrimonial”, segundo adiantaba Francisco Gil, coordinador das xornadas. Entre as actividades do día 22 atópase a inauguración das xornadas, unha proxección comentada polo autor do documental “Carrilanos, los túneles de un tiempo”, así como un debate. Ao día seguinte terá lugar a fabricación de ferrocarrís en miniatura, unha mesa redonda, a visita ás Estacións do Inorde, entre outras actividades que se contemplan no programa. O día 24 os participantes terán a opción de facer un recorrido turístico pola Ribeira Sacra.

Artigos relacionados

Back to top button