A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) está a organizar diferentes xornadas formativas sobre o aproveitamento sustentable dos soutos, en colaboración coa Indicación Xeográfica Protexida Castaña (IXP) de Galicia. Estas accións están integradas no Plan de formación ao agro galego que desenvolve a Consellería por medio de Agacal.
As actividades terán lugar ao longo deste mes de novembro en municipios como O Barco (o día 13 de novembro), Laza (o 20), Folgoso do Courel (o 21), O Bolo (o 25) e Vilamartín de Valdeorras (o 26). “O seu obxectivo é proporcionar aos silvicultores e demais profesionais do agro interesados nesta cuestión unhas nocións básicas sobre a produción de castaña de maneira sostible, tanto desde o punto de vista económico como ambiental”, segundo informa Medio Rural.
Cada unha destas xornadas, que están cofinanciadas a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ten unha duración de catro horas. Con elas preténdese ademais formar a aqueles mozos e mozas con expectativas de incorporarse á actividade agrogandeira e forestal.