En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Xornalistas especializados en viño de diferentes partes do mundo visitan Valdeorras

Esta viaxe enmárcase na International Galician Wine Week, unha iniciativa promovida polo Igape para que estes comunicadores coñezan as cinco denominacións de orixe de viño galegas

 

Dende o 30 de setembro un grupo de catorce xornalistas especializados de diferentes partes do mundo está a percorrer as denominacións de orixe vitivinícolas galegas para coñecer as súas singularidades dentro da iniciativa International Galician Wine Week, promovida polo Igape.

Tras pasar pola Ribeira Sacra, ver a súa vendima e catar os seus viños; desprazábanse o 1 de outubro ata a Valdeorras onde visitaban unha cova e despois asistían a unha presentación sobre esta zona produtiva no Mosteiro de Xagoaza (O Barco) da man do director técnico desta D.O., Jorge Mazaira, que estaba ademais acompañado polo presidente do organismo, José Luis García. A continuación os comunicadores participaban nun túnel de viño de Valdeorras con diferentes godellos e mencías.

 

Túnel do viño da D.O. Valdeorras no Mosteiro de Xagoaza (O Barco)./ Foto: A.R.

 

En ruta polas denominacións galegas

A seguinte escala neste percorrido polo mapa do viño galego era Monterrei, onde na xornada do 2 de outubro coñecían o lagar O Outeiro (Oímbra), despois tiña lugar un túnel do viño de Monterrei nas adega Barrocas deste mesmo municipio. Seguidamente, trasladábanse ata o antigo Hospital de Peregrinos de Monterrei no que tiña lugar unha presentación da denominación a cargo do seu director técnico, Luis Miguel López, seguida dunha cata de uvas desta zona (godello, treixadura e mencía).

 

Cata de uvas da D.O. Monterrei no antigo Hospital de Peregrinos da fortaleza de Monterrei./ Foto: CRDO Monterrei.

 

A International Galician Wine Week pretende presentar a estes prescritores Galicia como zona de referencia da viticultura española e europea e amosarlles as especificidades de cada variedade. De aí que, ademais de  degustar os viños de cada denominación, tamén descubran a terra, as condicións agroclimáticas e estruturais de produción e o seu entorno socioeconómico.

Os catorce xornalistas participantes proceden de países como España, Austria, Bélxica, Estonia, Holanda, Italia, Noruega, Perú, Reino Unido, Rusia ou Suíza. Nos seguintes días viaxarán ata O Ribeiro e á D.O. Rías Baixas.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Máis información:
https://osil.info/a-international-galician-wine-week-recala-na-d-o-ribeiro/

Artigos relacionados

Back to top button