ConcellosÚltima hora

Xosé Benito Reza, premio Ouro Azul 2016

O enxeñeiro celanovés recibirá o galardón de “O bosque máxico” o 19 de marzo no Auditorio Ilduara
O alcalde de Celanova (centro) suxeita o premio Ouro Azul, obra do escultor Toño Monteiro (esquerda).
O alcalde de Celanova (centro) suxeita o premio Ouro Azul, obra do escultor Toño Monteiro (esquerda).

O premio Ouro Azul que organiza a web “O bosque máxico” recoñece nesta quinta edición “o traballo que no ámbito do medio ambiente ten desenvolvido ao longo de toda a súa traxectoria profesional o enxeñeiro celanovés Xosé Benito Reza, un dos impulsores do proxecto que hoxe é xa unha consolidada realidade como é o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés”, tal como explican dende o departamento de Cultura de Celanova.

O premio entregarase no Auditorio Municipal Ilduara o vindeiro sábado 19 de marzo ás seis da tarde, coincidindo co día Mundial da Auga, nun acto ao que está previsto que asistan a gran maioría das persoas que este ano presentaron máis de 2.500 fotografías e 150 debuxos, xa que “son eles os que realmente afirman que ese Bosque Máxico existe”, din dende Celanova.

Ademais está previsto que haxa un recoñecemento ao recentemente desaparecido Luis Rodríguez Míguez, Doutor en Hidroterapia Termal, escritor e creador da denominación Vila Termal, premio Ouro Azul 2013. Segundo adianta o organizador dos premios, o escultor Toño Monteiro, “o sábado 19 seremos tamén solidarios coa Hora do Planeta e apagaremos a luz de todo o auditorio, so quedarán as emerxencias e ese pequeno foco proxectando a curtametraxe “Lineas Discontinuas” que Ecoloxistas en Acción nos brinda no seu ciclo de cine ambiental e solidario Butaca Verde”.

O apartado musical do acto correrá por conta do grupo folk Os Rampeiros.

Artigos relacionados

Back to top button