OurenseÚltima hora

Xosé Lois Vázquez expón no Espazo de Arte Roberto Verino, en Ourense

A mostra "Multiversos, dous ítems e sete estrelas" estará aberta do 9 de xaneiro ao 2 de marzo

Unha das imaxes da exposición.

 

Aínda que foi no século XX cando os fotógrafos da “Nova Visión” e os surrealistas empregaron a posta en escena fotográfica como un poderoso estilo creativo, sendo os precursores da denominada Staged Photography (fotografía escenificada), “este termo comeza a empregarse con certa normalidade nos 80, paralelamente á intensificación do debate sobre a capacidade de reprodución da veracidade da fotografía”, asegura Vítor Nieves, artista, curador e membro da Asociación Outono Fotográfico, explicando que é nese momento cando Xosé Lois Vázquez, presidente do OF, “se consolida como artista e como fotógrafo, polo que desde as súas primeiras fotografías podemos ver unha evolución que parte desa premisa que poucos artistas estaban a explorar nesa década”.

Unha evolución que poderá verse a partir de mañá no Espazo de Arte Roberto Verino, en Ourense. Alí o presidente do Outono Fotográfico inaugurará a súa exposición “Multiversos, dous ítems e sete estrelas”, unha mostra na que se poden ver xeitos de facer recorrentes do autor. Para el “a fotografía nunca será un acto neutro e en esencia é contraditoria: actúa como conxelación dun evento/ instante; mais ao mesmo tempo acciona os nosos mecanismos culturais excitando a nosa curiosidade de saber e apelar aos nosos coñecementos emocionais e éticos preexistentes. Nesa contraditoria esencia radica o seu poder. A fotografía, entón, só habita na fronteira, sempre negociando entre o que xa non será e a pantasma do que foi”, en palabras de Vítor Nieves.

A exposición de fotografía e/ou fotoinstalación, estará aberta ao público ata o 2 de marzo e na inaguración de mañá, 9 de xaneiro ás 19 horas, o autor estará acompañado polo modisto Roberto Verino.

Artigos relacionados

Back to top button