CulturaCulturaÚltima hora

Xosé Manoel Rodríguez abre o ciclo de conferencias en torno a Florencio Delgado Gurriarán

O xornalista, membro da Fundación Carlos Velo, disertou en Córgomo (Vilamartín) sobre a figura do cineasta natural de Cartelle

 

Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), Petín e A Rúa, son os tres concellos nos que se desenvolverá o II ciclo de conferencias en torno á figura do poeta Florencio Delgado Gurriarán que arrancaba na tarde do 15 de novembro.

E facíao precisamente en Córgomo, vila natal de Florencio, na Adega D’Berna. Boa parte da obra do intelectual Valdeorrés xira en torno ao viño, por iso non é de extrañar que sexa nunha adega onde se desenvolvan as conferencias. A primeira correu a cargo de Xosé Manoel Rodríguez, escritor e membro da Fundación Carlos Velo que se achegou ata Valdeorras para falar sobre o cineasta natural de Cartelle, un personaxe que acompañou a Florencio durante a Guerra Civil e no posterior exilio a México onde morreu en 1988.

Xosé Manoel, membro tamén da Fundación Losada Diéguez, ten publicado numerosos libros, todos vencellados ao mundo da imaxe (Ramón Godás. Fotógrafo e impresor; Xociviga, 1993; Antón Losada Diéguez. Dez anos dun premio; Carballiño. 1869-1979. Álbume fotográfico da vila do Arenteiro; ou Carlos Velo. Derradeira viaxe a Galicia). Por iso non sorprende que a súa disertación xirase en torno á figura dun cineasta galego de renome que tamén tivo que fuxir en tempos de guerra, compartindo con Florencio Delgado Gurriarán, o exilio mexicano.

 

Asistentes á conferencia na Adega d’Berna, en Córgomo.

 

Na súa intervención, Xosé Manoel falou da fundación creada en torno á Velo, que se centra na investigación e na difusión da obra do cineasta e no estudo, difusión, formación e promoción das artes da imaxe, no seu máis amplo espectro, así como na organización de actividades culturais e científicas de carácter xeral e relacionadas cos fins sinalados. Pero tamén falou do propio cineasta, fillo do médico rural José Velo Castro e de Dolores Cobelas Alberte, natural de Pereiros, na vila ourensá de Cartelle; da súa obra e moi especialmente da súa última etapa, xa no país americano, onde malia ir como fuxido, foi quen de seguir desenvolvendo un gran labor en torno ao cine ata o punto de que en 1944 gaña como coguionista un premio Ariel por Entre hermanos, filme de Ramón Peón, que Velo non pode dirixir por carecer de licenza en México.

En Córgomo, trala conferencia á que asistía entre outros a alcaldesa de Petín, concelleiros do Barco e de Vilamartín, o conferenciante recibía un cadro para a Fundación Carlos Velo, co retrato de José Cobelas, avó de Carlos Velo e de Amalia Cobelas (veciña do Barco dende hai anos), donante do agasallo que entregaban a súa filla Marien e a súa neta Débora, coordinadora das conferencias.

 

Xosé Manoel Rodríguez recibindo o cadro de mans de Marien, bisneta de José Cobelas.

 

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close