ConcellosÚltima hora

Xosé Miguel Pérez: “Afiliarme ao PP é unha decisión persoal, en Río segue gobernando RIO”

O alcalde de San Xoán de Río asegura que, "polo ben, non só de San Xoán de Río, senón de toda a nosa zona, súmome a nivel individual a este partido de maneira desinteresada"

Manuel Baltar e Xosé Miguel Pérez Blecua./ Foto cedida.

 

Nun acto público, que tiña lugar o pasado luns en San Xoán de Río coa presenza de Manuel Baltar, presidente do PP de Ourense, dábase a coñecer que Xosé Miguel Pérez Blecua, alcalde deste municipio (baixo as siglas da Agrupación de Electores de San Xoán de Río, RIO) e enxeñeiro de telecomunicacións, se afiliaba a esta formación política. Dous días despois, neste mércores 26 de agosto, saltaba á nova aos medios de comunicación.

O rexedor recalca que se trata dunha decisión persoal, “explicada en asemblea o venres da semana pasada. É unha decisión que só me afecta a min e non ao resto da lista”. Ademais matiza que en San Xoán de Río “segue gobernando Río”.

Xosé Miguel Pérez tamén explica que, “debido ao COVID-19, sumando a crise sanitaria e a crise económica provocada, a política municipal mudará por completo tal e como a temos entendida a día de hoxe. Existen 2 opcións, laiarnos e queixarnos de que só no noso concello vanse ver reducidas ou ser valentes, deixar atrás os localismos e sumarnos a proxectos supramunicipais, convertindo os tempos de crise en tempos de oportunidades”.

 

Un dos momentos da visita de Manuel Baltar a Río o pasado luns./ Foto cedida.

 

Nese senso, o rexedor considera que “para levar adiante todos estes proxectos, hai que rodearse da xente mellor preparada e máis cualificada. Para estes cambios é necesario o coñecemento e a profesionalidade. E todo iso que mencionamos témolo no PP de Ourense, con Manuel Baltar á súa cabeza. Polo tanto, polo ben non só de San Xoán de Río, senón de toda a nosa zona, súmome a nivel individual a este partido de maneira desinteresada para converter a Ourense nunha das principais rexións de Europa e que a aposta que realicemos polo rural sexa un modelo para o resto de zonas rurais europeas”.

Artigos relacionados

Back to top button