Política

Xosé Mosquera, candidato á alcaldía de Ourense por CxG

Compromiso por Galicia celebraba o 4 de outubro o seu proceso de primarias na capital da provincia
Jonathan Domínguez e Xosé Mosquera (á dereita), os dous candidatos que se presentaron ás primarias.
Jonathan Domínguez e Xosé Mosquera (á dereita), os dous candidatos que se presentaron ás primarias.

Co 62% dos sufraxios emitidos saía adiante a candidatura de Xosé Mosquera no proceso de primarias que Compromiso por Galicia (CxG) celebraba na cidade de Ourense. Tiña lugar o 4 de outubro e nel participaban máis de 280 persoas, algo que desde este partido político cualifican como “éxito”. Así o profesor universitario Xosé Mosquera Casero, cunha traxectoria de varias décadas vencellada ao galeguismo político e á Adminisitración Local, será a persoa que encabezará a lista de CxG en Ourense nas vindeiras eleccións municipais do 2015.

Tras coñecerse o resultado, Mosquera expresaba o seu agradecemento e amosaba o seu compromiso para crear un Concello “sensato, humano e transparente, ante o esperpento actual”. Así adiantaba que se abrirá a “todas as entidades veciñais e sociais da cidade, para que nos poidan coñecer en profundidade”.

O outro candidato, Jonathan Domínguez, conseguía o 38 % restante dos votos. Ambos os candidatos destacaron a “limpa e exemplar” campaña e comprometéronse a traballar xuntos de cara ás Municipais.

Ademais a secretaria local de CxG, Ana Bande, resaltaba a “valentía e forza” dos candidatos e incidía en que “somos unha forza pioneira, aberta e participativa e a xente sábeo valorar, como quedou claro tras os grandes datos de participación”. Desde a organización destacaron que máis do 60% dos votantes nestes comicios foi de xente allea ao partido o que os convirtiu nun “extraordinario exercicio de democracia”.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button