OurenseÚltima hora

Xosé Poldras expón ‘Os caprichos espidos’ na Sala Valente de Ourense

A mostra está composta por 80 debuxos de grafito sobre papel, 12 linografías e imaxes do exemplar dos Caprichos de Goya

 

A Sala Valente en Ourense acolle dende onte a exposición “Os caprichos espidos”, de Xosé Poldras (A Coruña, 1969), unha colección que combina unha parte artística, de creación orixinal, e outra divulgativa, referida á carpeta dos famosos gravados de Francisco de Goya.

A mostra contén 80 debuxos, coa técnica de grafito sobre papel, que forman parte dunha obra gráfica máis extensa (160 debuxos en total) executados para acompañar o estudo teórico sobre unha vertente dos Caprichos, tema da tese de doutoramento de Xosé Poldras. Ademais do interese plástico, estes debuxos constitúen un estudo anatómico pormenorizado de todos os personaxes que poboan a carpeta de Goya.

 

 

Parte do interese desta nova exposición son os textos divulgativos, onde o público poderá apreciar algunhas conclusións, as máis sorprendentes, curiosas e rechamantes sobre a forma de entender o debuxo de Goya, e a perspectiva que lle abriu a pintura á arte do noso tempo. “Por algo o artista zaragozano é recoñecido polos estudosos como o último gran mestre da pintura clásica e o primeiro pintor moderno”, afirma Poldras.

Na Sala Valente tamén se pode ver un conxunto de 12 linografías, realizadas expresamente para esta exposición, que mostran composicións coreográficas dalgunhas das figuras anteriores, vistas agora dende outro prisma: as da linguaxe artística de Poldras. Nelas pódese identificar, con maior evidencia, a linguaxe que leva desenvolvendo o autor na súa carreira como gravador.

A exposición pódese visitar no horario habitual da sala Valente (rúa do Paseo 4): de martes a sábado, de 11 a 13:30 horas e de 18:30 a 21:30 horas, e os domingos de 11 a 13:30 horas.

Artigos relacionados

Back to top button