CulturaCulturaEntroidoÚltima hora

Xoves de Comadres, unha cita multitudinaria en Verín

Manquiña chama á festa no pregón ante milleiros de mulleres disfrazadas na praza Maior

Ante a néboa e o frío, cor, música, ritmo e bo humor. O tempo non acompañaba, pero non importaba milleiros de mulleres disfrazadas e tamén homes, iso si, vestidos de muller, botábanse ás rúas de Verín na medianoite do Xoves de Comadres.

Tras as respectivas ceas, dirixíanse cara a Casa do Escudo, para asistir a saída da Raíña do Carnaval e de Don Carnal, ou ben directamente á praza Maior, escenario do pregón. Desta comitiva carnavalesca, encabezada polo atroador toque dun folión e tamén polo son das chocas dos Cigarróns e das charangas, tamén formaban parte o pregoeiro, o actor galego Manuel Manquiña, así como o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez, entre outras autoridades.

Unha vez chegados ao palco da orquestra, e rodeados dunha multitude disfrazada, a Raíña do Entroido, Dona Elena, saudaba aos presentes e daba paso ao pregoeiro, quen aludía ao Entroido de Verín como “o mellor do mundo”. E tras unha alocución animando a deixarse levar pola parte transgresora da festa, dábase paso á orquestra e á música.

O Entroido proseguirá en Verín hoxe venres. A partir das 19 horas terá lugar a saída dos Escuadróns de Capuchóns e Mascaritas para percorrer diversas rúas e prazas da vila (desde o barrio de San Lázaro), con paradas estratéxicas para mollar a gorxa e encher o bandullo. Irán acompañadas en todo momento de dous Carros do Compadreo e das charangas Garrafón.com e Támega, e finalizará o percorrido na praza de Edesio Fuentes, onde a música acompañará a tradicional degustación de porco ao espeto. Música nas prazas García Barbón e Maior, a partir das 23 horas, con Disco-Móvil Camelot e a continuación verbena popular co grupo Tequila.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button