Ourense

A Xunta adxudica o contrato para a creación dun Centro de Discapacitados en Ourense

As instalacións ubicaranse na zona de Mariñamansa e estímase que a redacción e licitación do proxecto estará para finais de ano
Un momento da visita que Rey Varela fixo a Ourense.
Un momento da visita que Rey Varela fixo a Ourense.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, vén de adxudicar o contrato para a redacción do proxecto de creación dun novo centro de atención a persoas con discapacidade (CAPD) en Ourense. Así o avanzou o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, durante un encontro mantido esta mañá co colectivo de pais e nais dos mozos con discapacidade psíquica e física do Centro de Educación Especial Miño, de Velle.

A partires de hoxe, ábrese o prazo de dous meses para rematar o proxecto da primeira fase deste centro. “Deste xeito cúmprese o prazo que dende a Consellería de Política Social trasladamos aos pais e nais, que no mes de xullo teríamos esta reunión, que o proxecto estaría adxudicado e que teríamos o crédito orzamentario necesario para a licitación deste centro”, dixo o titular autonómico.

O centro ubicarase na Antiga Escola Fogar de Mariñamansa e a xestión será pública, respondendo así ás peticións do colectivo de pais. Segundo as previsións baralladas, a redacción e licitación do proxecto estará preparada para finais do presente ano.

Artigos relacionados

Back to top button