OurenseÚltima hora

A Xunta dedicará 340.000 euros para gastos de funcionamento de Protección Civil

O secretario xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, comunicoulle esta subvención ás asociacións provinciais de Protección Civil esta mañá nunha xuntanza
O director xeral de Emerxencia e Interior, Luis Menor, manterá unha reunión coas Asociacións Provinciais de Voluntarios de Protección Civil.

As Asociacións Provinciais de Voluntariados de Protección Civil (AVPC) trasladáronse hoxe, 6 de febreiro, a Santiago para manter unha reunión co director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor.

Os dous principais temas que se trataron en devandita xuntanza foron, por unha banda, ultimar a programación da formación para o persoal voluntario das AVPC (cursos básicos, de segundo e terceiro nivel ou especialización) e, pola outra, consensuar os criterios de reparto das subvencións que a Dirección Xeral publicará este ano.

Os cursos básicos son os que ten que facer cada voluntario para entrar a formar parte do corpo de persoas altruístas regulado pola Dirección Xeral. Nos mesmos trátanse as materias básica así como a aprendizaxe da filosofía do voluntariado de Protección Civil.

Os cursos de segundo nivel tocan temas de máis profundidade en materias tan necesarias como a loita contra os incendios, os primeiros auxilios e os accidentes de estradas, e axudan a coñecer as funcións de autoprotección e prevención nestas materias.

Ambos niveis se desenvolven de maneira descentralizada en toda Galicia, o que permite unha asistencia xeralizada dos novos voluntarios sen gastos para os mesmos.

Os de terceiro nivel están dirixidos aos voluntarios de mais longa duración e están especializados en diversas materias tales como atención psicolóxica en catástrofes, xestión de emerxencias, planificación en protección civil… Son disciplinas que axudan a organizar estas entidades e que conseguen dotar aos concellos de grupos de cidadáns organizados e bos colaboradores cos profesionais das emerxencias.

Por outra parte, tratáronse tamén os criterios de reparto de subvencións a través de concorrencia competitiva, que se van publicar no primeiro trimestre deste ano. En concreto, unha delas será de axudas para o desenvolvemento das AVPC contribuíndo aos gastos de funcionamento, por un orzamento total de 340.000 euros, segundo apuntan fontes da Xunta. A outra, cun orzamento aínda sen determinar, será para a compra de equipamento de emerxencias (vehículos todo terreo, remolques de emerxencia, embarcacións. etc) a ceder aos concellos para a súa utilización polos servizos de emerxencia e protección civil.

Ao remate da xuntanza, Luis Menor puxo de novo en valor a implicación e labor altruísta que desenvolven estas agrupacións, que constitúen un dos piares fundamentais no eido das emerxencias.

Apertura de parques en Ourense

O Concello de Ourense vén de anunciar que, tras o paso do temporal que zoou esta fin de semana toda Galicia, o servizo de Medio Ambiente do Concello de Ourense “supervisou ao longo da mañá as incidencias producidas nos diferentes parques da cidade”. O obxectivo principal desta ollada é o de retirar as numerosas pólas do chan e reabrir, paulatinamente, todos estes espazos. O caso máis grave, sinalan dende o consistorio, foi o ocorrido no parque das Lagoas, onde a caída dun piñeiro derrubou parte do muro e o arramado do Instituto de Seguridade e Hixiene. Porén, o peche preventivo dos parques, apuntan, motivou a que o desprendemento de pólas non ocasionase contratempo algún entre os cidadáns.

A orde de reapertura dos parques de San Lázaro, Barbaña, de Quintela, da Zapatilla, a Alameda e a Praza da Marina, fíxose logo de que o Servizo de Bombeiros de Ourense constatara que non hai alertas nos partes da Axencia Estatal de Meteoroloxía e nos boletíns da Axencia Galega de Emerxencias.

Así mesmo, as caídas no subministro de electricidade pola caída de pólas no tendido eléctrico fóronse corrixindo “ao longo da mañá”, aseguran dende o Concello de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button