EconomíaEconomíaÚltima hora

A Xunta destina 4,5 millóns de euros para a dixitalización das vendas no comercio e a artesanía

A secretaria xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, explicou estas iniciativas aos comerciantes da provincia
Comerciantes ourensáns na xuntanza con Sol Vázquez.

Comerciantes da provincia mantiveron hoxe, 29 de xaneiro, un encontro coa directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, na que se lles informou sobre as axudas da Xunta par apoiar este ano a modernización e impulso do pequeno comercio e dos obradoiros artesanais galegos. Para tal fin, o executivo galego vai destinar 4,5 millóns de euros.

Segundo informou Vázquez, a través de tres iniciativas financiaranse dende proxectos de expansión comercial e novas fórmulas de comercialización; dixitalización e modernización de empresas comerciais e artesanais; ata programas da competitividade da artesanía galega.

O obxectivo destas iniciativas, que se publicarán no Diario Oficial de Galicia (DOG) esta semana, é ofrecer, segundo destacou Sol Vázquez, “un valor engadido” ao comercio galego, vencellando o seu crecemento, expansión e modernización ás novas canles de comercialización, utilizando a innovación, o “social commerce”, e a mellora da imaxe, como factores para facer máis competitivo o tecido comercial de Galicia. Deste xeito, impúlsanse entre o comercio e os obradoiros artesáns galegos a súa presenza na rede, a incorporación de ferramentas TIC de xestión e a mellora da loxística coa implantación do packaging axeitado.

Sol Vázquez presentando as liñas de axuda para a dixitalización das vendas.Por unha banda, a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiará con máis de 3,1 millóns de euros a dixitalización e modernización de empresas comerciais e, como novidade este ano, tamén artesanais para a implantación de solucións dixitais que permitan aos beneficiarios adaptarse ás novas fórmulas de comercialización e ás tendencias do mercado, así como proxectos de modernización integral dun local.

O investimento subvencionarase, segundo o tipo de axuda solicitada, poderá ir dos 1.000 aos 5.000 euros no cas de dixitalización. E entre os 15.000 e os 30.000 euros no caso de actuacións de modernización. A porcentaxe de axudas será, en todos os casos, do 50%. Dende a Xunta informan que o incremento do orzamento destinado para esta convocatoria é de preto dun 59%  con respecto ao ano pasado, cando se adicaron dous millóns de euros.

Doutro lado, en canto á liña dedicada á expansión comercial e novas fórmulas de comercialización, contará cun orzamento dun millón de euros e poderanse beneficiar pemes e, no caso do desenvolvemento dun proxecto pop up, tamén comerciantes on line e, como novidade, fabricantes. A directora xeral de Comercio explicou que o que se pretende é impulsar a apertura de novos establecementos comerciais por titulares doutro comercio cun mínimo de dous anos de antigüidade, así como proxectos pop up por un prazo máximo de dous meses nun concello distinto onde se veña exercendo a actividade. No primeiro caso o investimento subvencionable máximo vai dos 3000 aos 60.000 euros e no caso das iniciativas pop up vai ata os 8000 euros. En todos os casos cóbrese o 50%.

Por último, apoiarán con 255.000 euros o fomento da comercialización da artesanía e o impulso da actividade do sector. As axudas, dirixidas á promoción a través da participación en feiras e certames e a organización de eventos feirais, están destinadas a obradoiros artesanais, asociacións profesionais de empresarios e artesáns e concellos. As axudas máximas serán de 8000, 30.000 e 15.000 euros respectivamente e a intensidade pode chegar ao 80%. O orzamento aumenta en máis dun 18% con respecto ao ano pasado, din dende o executivo galego.

Con estes tres programas, a Xunta, segundo salientou Vázquez Abeal, “agarda impulsar o comercio e a artesanía galegas coa finalidade de potenciar un tecido comercial diverso, moderno, competitivo e de calidade; adaptalo ás novas realidades co obxectivo de gañar en competividade e mellorar a imaxe dos centros urbanos das cidades facéndoos máis atractivos”. Estas liñas permitiron, en 2017, apoiar preto de 375 proxectos con case dous millóns de euros.

Estas axudas reforzaranse con outras accións dirixidas a potenciar os espazos comerciais e o asociacionismo cun orzamento adicional de catro millóns de euros e enmárcanse no Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia, que contempla 55 accións específicas ata 2020.

Artigos relacionados

Back to top button