OurenseÚltima hora

A Xunta incrementa nun 20% o orzamento para servizos sociais en Ourense

Este aumento do presuposto é grazas ao plan de finaciamento do persoal técnico dos servizos sociais comunitarios municipais no marco do Plan Concertado
Arturo Parrado e Silvia Dorado.

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, acompañado pola secretaria territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Silvia Dorado, deu a coñecer hoxe en rolda de prensa o incremento do financiamento para a contratación do persoal técnico dos servizos sociais comunitarios municipais no marco do Plan Concertado na cidade de Ourense. Grazas ao reforzo de 49.061 euros (un 20% máis que no ano anterior), a cidade contará cun psicólogo máis, chegando aos 17 empregados destes perfís no concello. “A partir de agora, Ourense poderá ofrecer unha mellor e máis pronta atención a todos aqueles cidadáns que o precisen”, afirmou o director xeral.

Ao fío disto, Arturo Parrado debullou tamén que a demarcación ourensá contará con cinco traballadores sociais e un psicólogo máis que no pasado ano, no que dispuña un plantel de preto de 100 traballadores. En total, para Ourense o resto de municipios da provincia beneficiados por esta medida, Parrado apuntou que se destinarán un total de 260.407, 54 euros, o que supón un incremento do 16,5% con respecto ao 2015. Atendendo ao tamaño poboacional de cada concello, o financiamento distribuirase entre sete concello de menos de 5.000 habitantes; 10 concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes e un total de cinco concellos con máis de 50.000 habitantes. Así, poderán beneficiarse deste esforzo as localidades de Melón, Ourense, Pereiro de Aguiar e Sandiás.

Nesta liña, Parrado explicou que este aumento orzamentario enmárcase na resolución pola que se aprobou o financiamento do persoal técnico dos servizos sociais comunitarios municipais no marco do Plan Concertado e se sitúa nos 960.289, 50 euros, o que permitirá contratar un total de 63 profesionais, nomeadamente 50 traballadores sociais, 20 educadores sociais e 3 psicólogos en toda Galicia.

En total, 40 concellos galegos veranse beneficiados desta medida como titulares dos servizos sociais comunitarios e beneficiarios destas transferencias finalistas para o co financiamento do seu persoal. “Dun xeito máis amplo, tamén beneficiará a todas as administracións públicas e entidades que forman parte do sistema galego de servizos sociais, xa que mellorará o funcionamento de todos os demais niveis de actuación e atención”, asegurou Parrado.

 

Artigos relacionados

Back to top button