OurenseÚltima hora

A Xunta investirá 13.000 euros en restaurar As Burgas

Esta actuación é froito dun convenio que asinará os vindeiros días o Goberno galego co Concello de Ourense
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a Directora Xeral de Patrimonio Cultural, Maricarmen Martínez nas Burgas.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia financiará o 100% dos traballos de limpeza e restauración das Burgas, segundo se establece nun convenio que asinará en próximos días o Concello de Ourense co Goberno Galego. O importe da achega do Executivo Autonómico será de 13.068 euros.

Este convenio xorde como froito da petición do Goberno da cidade á Xunta xa que as fontes das Burgas de Abaixo precisan de traballos de limpeza e restauración, debido ao paso do tempo e ao desgaste da propia pedra pola propia auga. “Sendo como son as Burgas o gran emblema identitario e patrimonial de Ourense, é de agradecer a cooperación amosada polo Goberno Galego para contribuir a preservar este ben patrimonial”, sinalou o alcalde ourensán.

Estes traballos de mellora no símbolo de Ourense súmanse aos xa efectuados pola Xunta de Galicia na Ponte Romana (onde se continuará coa segunda fase do proxecto de adecuación e mellora) e na Catedral de Ourense. Actuacións ambas que superan os 3 millóns de euros no seu conxunto. “Damos así un paso máis na conservación e preservación do patrimonio histórico e cultural da nosa cidade”,  concluíu o alcalde.

Artigos relacionados

Back to top button