En portadaÚltima hora

Medio Rural pretende intensificar a loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro no vindeiro ano

A solta de Torymus farase en toda Galicia, pero especialmente nas provincias de Lugo e Ourense, as máis afectadas
Solta de exemplares de Torymys sinensis.

A mellor arma para facerlle fronte á avespiña do castiñeiro, que está a afectar aos soutos galegos, é a loita biolóxica a través dun depredador natural deste insecto: o Torymus sinensis. Neste senso a Consellería do Medio Rural proporá ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama) intensificar a loita biolóxica contra esta praga ao longo do vindeiro ano. Así o anunciaba o 24 de novembro o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, en resposta a unha pregunta sobre este tema na Comisión 7ª do Parlamento.

Neste ano xa se realizaron soltas experimentais, tal e como recordaba Fernández-Couto. En concreto soltáronse uns 133.000 individuos de Torymus sinensis, algo que precisa de autorizacións ambientais por parte do devandito Ministerio. Así, con vistas ao vindeiro ano, a Xunta proporá incrementar a liberalización controlada do parásito ata os 1,6 millóns de individuos, para cubrir os máis de 9.000 puntos de solta establecidos cun total de 8.334 unidades (caixas). Estes traballos realizaríanse en toda Galicia, pero especialmente nas provincias de Lugo e Ourense, as máis afectadas pola enfermidade.

Estas accións integran, segundo Medio Rural, o programa de defensa desta árbore e como consecuencia tamén da produción de castaña. Dentro das medidas de loita biolóxica de sanidade forestal, inclúense tamén os tratamentos contra o chancro do castiñeiro, un fungo que afecta estas plantacións, remarcou o director xeral.

Artigos relacionados

Back to top button