ConcellosÚltima hora

A Xunta ratifica o seu apoio á Fundación de protección de discapacitados psíquicos de Verín

O presidente da entidade, Luciano Rivero Cuquejo, mantivo un encontro hoxe co conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela
José Manuel Rey Varela e Luciano Rivero Cuquejo. // Foto: Xoán Crespo.

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela e o presidente da Fundación para a protección dos discapacitados psíquicos da comarca de Verín, Luciano Rivero Cuquejo, mantiveron hoxe, 15 de novembro, un encontro. O obxectivo desta xuntanza, aseguran dende a Consellería, foi trasladar ao titular autonómico as necesidades e inquedanzas actuais das persoas con discapacidade.

Esta fundación xestiona un centro ocupacional no que se actúa en tres áreas: laboral-formativa, benestar físico e atención psicosocial. Deste xeito, ofrece servizos de comedor, hidroterapia, terapia ocupacional, transporte, actividades deportivas así como estimulación cognitiva e ximnasia entre outros. Durante o 2017, a Xunta de Galicia está a achegar 108.977 euros para o correcto funcionamento destas instalacións.

No marco deste encontro, o responsable da área social do Goberno galego subliñou que o obxectivo do seu departamento é que todos os colectivos, especialmente aqueles que pasan maiores dificultades, melloren a súa calidade de vida, “só así teremos unha sociedade igualitaria”, asegurou.

Rey Varela insistiu na condición de iguais das persoas con discapacidade e sinalou que como administración pública e como sociedade “temos que procurar a igualdade de oportunidades, con independencia das diferentes capacidades que teñamos”. Para elo, estudarase a ampliación de posibles vías de colaboración coa entidade.

Dende a Consellería de Política Social salienta que van aumentar o seu orzamento para o vindeiro 2018 na área de Maiores e Persoas con Discapacidade nun 10% con respecto ao presente exercicio.

Artigos relacionados

Back to top button