CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Xunta e UVigo asinan en Ourense un convenio de apoio ao Programa Universitario para Maiores

Esta iniciativa permitirá a preto de 600 maiores adquirir novos coñecementos e compartir as súas experiencias coa xente máis nova
Fabiola García, José Manuel Rey Varela, Salustiano Mato e Virxilio Rodríguez.

O vicerreitorado do Campus de Ourense acolleu hoxe, 11 de decembro, a sinatura dun convenio de cooperación entre o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, para favorecer a formación de persoas maiores a través do “Programa Universitario para Maiores”. No acto tamén estivo presente o vicerreitor do Campus ourensán, Virxilio Rodríguez, e a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García.

O obxectivo do programa, anuncian dende a Xunta, é apoiar nos campus que dependen da Universidade de Vigo un ciclo específico cunha oferta de estudos dirixida a aquelas persoas maiores que no seu momento non puideron acceder a estudos superiores ou sendo xa titulada atópanse en idade pouco habitual para as tarefas académicas. A achega da Administración autonómica para esta iniciativa é de 27.500 euros.

Rey Varela destacou a “importancia de que as persoas maiores teñan a oportunidade de formarse e seguir aprendendo de xeito activo e participativo”. Ao respecto, sinalou que este programa “ademais de potenciar actividades culturais, educativas e científicas que facilitan aos nosos maiores o seu desenvolvemento persoal e social, así como a adquisición de novos coñecementos, permite que estes poidan compartir con xente máis nova as súas experiencias”.

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, salientou que se trata “dun convenio global que beneficiará a toda a universidade do sur de Galicia” e que permitirá “fomentar o noso Programa Universitario para Maiores”. O reitor fixo fincapé en como este ciclo formativo, que conta con preto de 600 persoas maiores de 55 anos matriculadas nos tres campus da Universidade de Vigo,  “ten cada vez máis éxito” e como o acordo asinado este luns contribuirá a potencialo xa que “canta máis axuda teñamos máis cousas poderemos facer nel”.

Artigos relacionados

Back to top button