ConcellosÚltima hora

Xuntanza entre o alcalde do Carballiño e o conselleiro de Política Social

Rey Varela e Fumega abordaron a colaboración entre ambas as dúas institucións e estableceron abrir novas liñas co fin de mellorar os servizos na localidade
José Manuel Rey Varela e Francisco Fumega.

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantiveron hoxe, 16 de novembro, unha xuntanza de traballo co obxectivo de abordar a situación e as necesidades existentes neste municipio en materia social. Esta xuntanza enmárcase no diálogo permanente que o titular da carteira autonómica de Política Social está a manter cos rexedores e rexedoras de Galicia coa finalidade de profundar nas liñas de colaboración entre administracións.

Así, o titular autonómico fixo un repaso dos principais servizos prestados pola Xunta nesta localidade, o que inclúe a escola infantil Calvo Sotelo, pertencente á rede de escolas infantís Galiña Azul e que oferta 61 prazas a través de catro unidades. Segundo os datos achegados pola consellería, a administración autonómica investiu o pasado ano preto de 6500 euros en obras de mellora nestas instalacións.

No que respecta á área de maiores, levouse a cabo a construción dun novo centro de titularidade autonómica con 25 prazas residenciais para persoas dependentes para as que a Xunta inviste máis de 323.000 euros. Estas novas prazas súmanse ás 24 prazas residencias para persoas autónomas xa existentes na localidade.

Así mesmo, o Servizo de Axuda no Fogar incrementouse nun 38,16% nos últimos dous anos, o que supón a posta a disposición da veciñanza que o precise de 33.672 horas, chegando así a unha ratio de atención de case o 98%, remarcan fontes do Goberno galego.

Ambos mandatarios acordaron que continuarán estudando posibles novas vías de colaboración entre as dúas administracións, co fin de mellorar os servizos e equipamentos de atención aos cidadáns no Carballiño, e conseguir así unhas mellores e máis eficaces políticas sociais.

 

Artigos relacionados

Back to top button