En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Xuntanza de mulleres rurais en Vilamartín de Valdeorras

A asociación de Córgomo, organizadora da reunión, renova a xunta directiva

Un total de 109 persoas das asociacións de mulleres rurais de Córgomo, Arcos, Veigamuíños, Viloira, Éntoma e A Veiga, asistían no mediodía do 25 de marzo a unha xuntanza no resturante Paladium de Vilamartín de Valdeorras, para conmemorar o Día da Muller.

Antes do xantar, as asociacións presentes fixeron homenaxes a diferentes mulleres polo traballo e implicación co colectivo. No caso da asociación de Córgomo, organizadora da reunión, homenaxearon a dúas veciñas: Anita Fernández “porque aos seus 82 anos representa moi ben á muller traballadora”, en palabras da presidenta Mª Dolores Arias; e Ofelia Delgado “unha socia que sempre está para o que se necesita e desvívese polo pobo”.

Á xuntanza, que remataba con baile a cargo da charanga Terras do Bibei, tamén asistiron dúas directivas da Federación de Mulleres Rurais de Ourense FEMURO: a presidenta Mª Isabel Garrido Blanco e a vicepresidenta Elsa Pajarín Picos.

Dende a Asociación de Mulleres Rurais de Córgomo tamén son sensibles á lacra que supón o cancro, por iso recadaron (coa venda de rifas) un total de 2.000 euros para participar na campaña de micromecenazgo para a investigación sobre a biopsia líquida, un proxecto que o oncólogo vilamartinés Rafael López presentaba a comezos de marzo no Barco.

Dende o colectivo de Córgomo dan as grazas a toda a xente que colaborou para recadar os cartos, especialmente á empresa Ayasa, adiantando que a mocidade farase cargo da directiva. Deixa o posto de presidenta Mª Dolores Núñez que leva no cargo sete anos e entra Beatriz Fernández, acompañada por Raquel Fernández, Eva Fernández e Laura Fernández.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button