ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Xuntanza do grupo de radioafeccionados “EAR-28 Galicia” en Chandrexa de Queixa

Compartían un xantar de confraternidade a base de cocido no mediodía do 3 de novembro

Ata a localidade de Chandrexa de Queixa desprazábanse no mediodía do 3 de novembro os membros do grupo de radioafeccionados “EAR-28 Galicia”, denominación que adoptaron porque este era o indicativo do que foi o primeiro radioafeccionado galego, José Blanco Novo.

Reuníanse, chegados dende diferentes puntos da xeografía galega e ata de lugares de fóra da comunidade como León, para compartir un xantar de confraternidade no Bar Cardiego. Arredor da mesa e desfrutando dunha bonita paisaxe fronte ao encoro de Chandrexa, saboreaban un rico cocido da casa regado cun bo viño.

Na sobremesa o son do acordeón acompañaba ás voces dos asistentes, que entoaban diversas pezas tradicionais galegas. Ademais houbo un sorteo de accesorios para o radioafeccionado e tamén un caluroso aplauso para o principal promotor desta xuntanza, José María Valladares Estremadouro, presidente da agrupación de radioafeccionados de Trives.

Tras esta agradable xornada de convivencia (a primeira deste tipo que se organiza en Galicia), xa pola tarde, chegaba o momento da despedida, non sen antes comprometerse a repetir a experiencia en vindeiras xuntanzas.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button