ConcellosÚltima hora

Xuntos por Chandrexa pide explicacións sobre a retirada dunha preseira tradicional no Río Grande

Esta formación política vén de presentar un escrito ante a CHMS pedindo información sobre esta actuación

Publicidade
Un dos momentos da actuación para derrubar a preseira./ Foto cedida.

 

O concelleiro de Xuntos por Chandrexa neste mesmo concello, Rubén Fernández, vén de remitir un escrito á Confederacióin Hidrográfica Miño-Sil para solicitar información sobre os traballos de derrubamento dunha preseira tradicional no coñecido como Río Grande realizados esta semana por parte dunha empresa.

“Na desembocadura do Río de Queixa (aquí denominado Río Grande, unha das cabeceiras do Navea) sobre o encoro de Chandrexa de Queixa, existía unha antiga preseira que neste caso daba servizo a un muíño que quedou cuberto polo encoro, a propia preseira tamén queda baixo o nivel máximo”, explica Rubén Fernández. Nesta semana procedíase a tirar ese elemento patrimonial.

No seu escrito o edil de Xuntos por Chandrexa pregunta se o organismo de conca tiña “constancia destas actuacións e se existe proxecto cos permisos pertinentes”, e, en caso de que así fose pide coñecer “quen é o contratante da empresa Tragsa para levalas a cabo, cal é a finalidade da realización destas actuacións” e tamén plantexa “se se van acometer máis intervencións deste tipo, neste ou en sucesivos proxectos”.

 

Imaxe da antiga preseira, antes da súa retirada./ Foto: Rafa Ramos/ Luces Velaíñas.

 

Dende Xuntos por Chandrexa critican a retirada deste elemento ao considerar que “este tipo de estruturas deberían estar consideradas patrimonio material, xa que son actuacións centenarias, tradicionais, que contan como era a vida non hai tanto. Ademais, en concreto esa preseira era lugar representativo pola boa perspectiva dela que había dende a ponte de Santa Cruz, conferíndolle un potencial turístico visual importante. E sempre permitiu que o río fose un lugar de baño e incluso se usaba para poder encher camións de auga en caso de necesidade para servizo de extinción de incendios e para pobos”, conclúe Rubén Fernández.

Artigos relacionados

Back to top button