OurenseÚltima hora

Xurxo Souto presenta en Ourense “Contos do mar de Irlanda”

O acto terá lugar o 15 de outubro na Asociación Cultural A Galleira, na cidade das Burgas
Mapa do Mar de Irlanda. Imaxe facilitada por Xurxo Souto.
Mapa do Mar de Irlanda. Imaxe facilitada por Xurxo Souto.

É un libro que se alimenta da experiencia dos mariñeiros galegos no Gran Sol. Tras escoitar os seus relatos, Xurxo Souto foi elaborando unha serie de historias que agora vén de reunir no volume “Contos do mar de Irlanda”, publicado recentemente por Xerais. Na súa xeira de presentacións por Galicia, Souto achégase agora á cidade de Ourense. Así presentará o seu libro o vindeiro mércores 15 de outubro, ás 20 horas, na Asociación Cultural A Galleira (Praza de San Cosme, 1 da cidade). Neste acto o escritor e ex líder de Os Diplomáticos estará acompañado por Xavier Paz “sabio maior nas augas do mar de dentro”, en palabras do propio autor.

Portada deste libro de relatos de Xurxo Souto.
Portada deste libro de relatos de Xurxo Souto.

“O Gran Sol é unha referencia emocional para a maioría das galegas e galegos. Mais alén do seu nome, todo nel está envolvo en néboa e confusión, como a mesma condición que a estas augas se lle supón. Ao achegármonos axiña agroma a gran illa, Irlanda. Unha obsesión verdadeira para a cultura galega, mais sobre a que case nunca se lle ten preguntado aos que máis en contacto con ela están: os propios mariñeiros”, asegura Xurxo Souto. “Contos do mar de Irlanda” está tendo unha gran acollida e de feito, trátase dunha das obras en galego máis vendidas nos últimos meses.

Artigos relacionados

Back to top button